Preto de 200
profesionais sanitarios relacionados coa atención ao paciente traqueostomizado reuniranse
o dia 24 de novembro no Paraninfo da Universidade da Coruña con motivo da
celebración das III Xornadas Galegas de Disfaxia Orofarínxea.
A traqueostomía é o procedemento que permite a colocación dunha cánula na
vía respiratoria que facilita o intercambio de aire cos pulmóns. Esta técnica
emprégase en persoas con dificultades respiratorias, necesidade de ventilación
mecánica ou mal control das secrecións.
O seu uso é relativamente frecuente, chegando a realizarse ao 10% dos
pacientes ingresados nas unidades de críticos. Sendo cada vez máis habitual tanto
nos centros hospitalarios como en unidades sociosanitarias ou no domicilio.
Entre o 50% e o 80% dos pacientes traqueostomizados sofren disfaxia
(dificultade para tragar), e destes, o 86% teñen aspiracións silentes, é dicir,
non amosan signos de alerta cando os alimentos pasan a vía respiratoria. Os
problemas de deglución nestas persoas son moi variables, destacando entre os
máis importantes a dificultade para tragar alimentos tanto sólidos como
líquidos, necesitando sondas de alimentación para a súa nutrición ou hidratación.
As dificultades para tragar a saliva e as propias secrecións tamén poden
impedir o reinicio da comunicación oral, xa que as persoas con traqueostomía e
disfaxia grave poden necesitar manter illada a súa vía respiratoria e, por
tanto, ver imposibilitada a súa capacidade para falar.
Para reverter todos estes factores que inflúen negativamente na calidade de
vida destas persoas, a valoración temperá das dificultades de deglución, así
como o uso de determinados dispositivos, como as válvulas fonatorias, ou o emprego
de técnicas específicas para mellorar a deglución, amosan ter efectos moi
beneficiosos nestes pacientes. Entre os efectos mais beneficiosos atópanse a
redución do risco de desenvolver infeccións, a recuperación máis rápida da
fala, a redución do tempo de uso de sondas de alimentación, ou a mellora da reintrodución
do alimento por vía oral.
Todas estas técnicas de abordaxe son levadas a cabo
por equipos multidisciplinares formados por médicos, logopedas, enfermeiras,
fisioterapeutas,... polo que resulta fundamental que os profesionais teñan a
formación adecuada e traballen de maneira coordinada para mellorar a atención
sanitaria a este colectivo de pacientes, que teñen necesidades complexas e
específicas, pero que contan cun gran potencial de recuperación se se lles
proporciona a asistencia necesaria.