Santiago, 18 de decembro de 2023.- Hoxe celebrase o Día Nacional
da Esclerose Múltiple e a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple,
Parkinson, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas (ACEM) instalou unha
mesa informativa no Hospital Clínico de Santiago ata a que se achegaron a
xerente da Área Sanitaria, Eloína Núñez, e a subdirectora de Humanización,
María José Menor xunto ao xefe do Servizo de Neuroloxía, José María Prieto, que
estiveron acompañando uns minutos aos representantes de dita asociación.
A
esclerose múltiple é unha enfermidade neurolóxica que lle afecta
maioritariamente a mulleres entre os 20 e os 40 anos, pero tamén pode aparecer
en nenos, adolescentes e anciáns. Calcúlase que en España padecen esta
enfermidade unhas 55.000 persoas e en Galicia temos a prevaleza máis alta de
España o que supón que hai preto de 4.000 doentes con esta patoloxía..
Na
Unidade de Esclerose Múltiple do Hospital Clínico Universitario de Santiago diagnostícanse
cada ano entre 25 e 30 enfermos dos que preto do 30% veñen doutras áreas
sanitarias para unha segunda opinión e en moitos casos para tratamento. O
pasado ano realizáronse 2.234 consultas e fíxose seguimento periódico a un
total de 983 pacientes. Centro de Referencia Nacional (CSUR) no tratamento dos
pacientes con EM, foi finalista nos premios nacionais Best in Class (BIC) nos
últimos anos.
En
xullo deste ano recibiu o CERTIFICADO AVANZADO por parte da Sociedade Española
de Calidade Asistencial (SECA) segundo normas que están avaladas pola Sociedade
Española de Neuroloxía (SEN), a Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria
(SEFH), a Sociedade Española de Directores Sanitarios (SEDISA), a Sociedade
Española de Enfermería Neurolóxica (SEDENE), a Sociedade Española. de
Informática Sanitaria (SEIS), Sociedade Española de Neurorradiología (SENR) e a
Asociación de Pacientes de Esclerose Múltiple España (EME).
Contar
cun servizo certificado con estes criterios é unha garantía de calidade, xa que
esta distinción recoñece o grao de adecuación da actividade aos estándares de
calidade asistencial establecidos polas sociedades científicas. Ademais, esta
unidade participa na organización de reunións, publicacións e comunicacións en
congresos nacionais e internacionais e actualmente forma parte de 9 ensaios
clínicos internacionais. Nestes intres, dentro da unidade estanse realizando 2 tese
doutorais e 3 proxectos de investigación relacionados coa esclerose múltiple. Saúdos,