A CONSELLERÍA DE SANIDADE PUBLICA A ORDE QUE AMPLÍA OS GASTOS DE COMPENSACIÓN DERIVADOS DOS TRASLADOS DOS PACIENTES E ABONA A MANUTENCIÓN E HOSPEDAXE
16 02 2024

O Diario Oficial de Galicia​ publica, na súa edición de hoxe, unha Orde da Consellería de Sanidade pola que se regula o procedemento de compensación por gastos de desprazamento, aloxamento e manutención no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia. Esta norma ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para a compensación dos gastos derivados dos traslados por motivos diagnósticos ou terapéuticos, onde non está prescrito polo persoal facultativo o transporte sanitario por ambulancia.

Coa presente Orde, actualízanse as contías dos gastos por desprazamento e amplíase o ámbito de actuación a gastos antes non previstos, como son os de manutención e hospedaxe. A compensación destes gastos farase segundo os supostos contemplados na Orde, con especial indicación dos traslados por asistencia no caso de enfermidades raras.

Así, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia, terán dereito á compensación destes gastos as persoas usuarias que dispoñan de tarxeta sanitaria en vigor emitida polo Sergas, que teñan autorizado o desprazamento a outro centro sanitario con fins asistenciais por criterio médico. Así mesmo, as axudas poderán ser recoñecidas a unha soa persoa acompañante do paciente, nos casos previstos na Orde.

Deste xeito, compensaranse, segundo os supostos previstos: por un lado, os gastos por desprazamentos que se produzan por diagnóstico ou tratamento dentro da área sanitaria e, por outro, os ocasionados por desprazamento, manutención e aloxamento que se produzan por diagnóstico ou tratamento fóra da área sanitaria, da comunidade autónoma ou fóra do territorio nacional.

Ata o de agora, unicamente cabía a compensación de gastos por desprazamentos nos supostos contemplados na Orde do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan prestacións por desprazamentos previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro, e que tiña como obxecto satisfacer os gastos ocasionados aos pacientes que, tendo cobertura polo Sergas, se desprazasen con fins asistenciais e non precisasen usar transporte sanitario. 

Enfermidades raras

Cómpre remarcar que a Xunta de Galicia aprobou, no seu Consello do 7 de xuño de 2021, a Estratexia galega en enfermidades raras, un documento estratéxico co obxectivo de establecer un novo modelo asistencial para este tipo de doenzas, garantindo un prazo de diagnóstico máis reducido, menor variabilidade no manexo e unha xestión máis áxil, coordinada e eficaz.

Neste marco de desenvolvemento de accións de mellora na asistencia aos pacientes con enfermidades raras e das súas familias, postas en marcha pola Consellería de Sanidade,  o pasado 5 de outubro de 2022, a Xunta recibiu o mandato do Parlamento de Galicia no que, a través dunha iniciativa aprobada por unanimidade, se instou ao Executivo galego a regular unha prestación que cubra os gastos de aloxamento e dietas das persoas con enfermidades raras, pendentes de diagnóstico ou confirmación do mesmo, cando son derivadas a través do procedemento regulamentario establecido a outras comunidades autónomas, e deste xeito, facer efectivo o dereito a esa asistencia sanitaria. 

Así, o departamento sanitario galego aproba agora esta Orde, que entrará en vigor de forma inmediata este sábado, ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud