A XUNTA DESTINA 894.000 EUROS Á RENOVACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN COA FUNDACIÓN JOSEP CARRERAS PARA A LOITA CONTRA A LEUCEMIA
07 03 2024

O Consello da Xunta aprobou esta mañá, na súa xuntanza semanal, a renovación do convenio de colaboración que o Servizo Galego de Saúde -a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)-, e a Fundación Josep Carreras, un acordo ao que o Executivo galego destina unha partida económica de 894.000 euros.

O obxectivo do convenio é que calquera paciente galego que o precise poida localizar un doador de medula ósea compatible, buscando primeiro no noso país ou acudindo ao resto de rexistros mundiais, se for necesario.

Durante o 2023, o Servizo Galego de Saúde realizou un total de 249 transplantes de medula ósea, dos que 29 foron transplantes aloxénicos non emparentados, 45 transplantes de doadors emparentados e 175 de tipo autólogo ou autotransplante.

Así mesmo, cómpre salientar que en Galicia se efectuaron 4.257 transplantes de medula ósea -desde 1993-, ano en que comezaron a realizarse este tipo de intervencións na nosa comunidade.

É preciso destacar que o número de doadores en Galicia foi en aumento durante os últimos anos, ata chegar aos 14.393 no ano 2023. Así, no que vai do presente ano, rexistráronse 118 novos doadores.

Tipos transplantes de medula

Na actualidade, existen tres tipos diferentes de transplantes de medula, tamén chamados de proxenitores hematopoéticos: o autólogo, o aloxénico emparentado e o aloxénico non emparentado.

Os transplantes autólogos son aqueles en que se usan as células do propio paciente. Desta forma realízase a extracción deste tipo de células -que se tratan con medicación-, e que se empregan para o tratamento do propio paciente. 

Os transplantes aloxénicos emparentados son aqueles en que os doadores das células son familiares dos pacientes e que son compatibles. 

Por último, os transplantes aloxénicos non-emparentados son aqueles en que non se poden usar as células propias do paciente e non hai un doador compatible dentro da familia, unha conxuntura que sucede no 25-30% dos casos e que obriga a buscar o doador en calquera parte do mundo.

Cando se produce esta situación, iniciase unha busca no ámbito mundial a través do Rexistro Español de Doaadores de Medula Ósea (REDMO). Así, o sistema de busca de doadores, coordinado cos organismos nacionais (o Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea e a Organización Nacional de Transplantes), permite garantir a equidade de calquera paciente no acceso á doazón e avalar a eficiencia deste sistema nos ámbitos clínico, administrativo, organizativo ou social.

Este sistema está constantemente validado e conta con importantes e continuos recoñecementos no nivel  internacional.  Xa que logo, destaca como exemplo da boa práctica, da súa rede de alerta, polo seu carácter anónimo e gratuíto, que en España é implementada a través da Fundación Josep Carreras. 


Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud