A Comisión de Docencia da
Área Sanitaria da Coruña e Cee organizou por sétimo ano consecutivo a xornada
de portas abertas para poñer en contacto aos futuros residentes, cos titores e
residentes deste centro sanitario, e ofrecerlles unha primeira visión dos
aspectos asistenciais, docentes e de investigación, que o centro pon á súa
disposición.
Este encontro, no que participaron máis de 150 rapaces, tivo lugar hoxe ao longo da mañá, e estivo
dirixido aos futuros especialistas en formación que están a elixir centro para
cursar a súa residencia e que buscan un centro de calidade onde formarse como
especialistas, cuns excelentes profesionais comprometidos coa súa formación, un
hospital de alta complexidade cunhas instalacións renovadas, a tecnoloxía máis
moderna e un Instituto de Investigación Biomédica ademais dun Centro
Tecnolóxico de Formación.
O xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, a Presidenta
da Comisión de Docencia da Área Sanitaria, Rosario López Rico e a Presidenta da
Comisión de Docencia da Unidade Multidisciplinar de Medicina de Familia e
Comunitaria, Nieves Domínguez González, reuníronse cos residentes e informáronlles
sobre os plans de formación e as especialidades acreditadas que se imparten nos
distintos centros que forman a Área Sanitaria da Coruña e Cee.
Neste acto tamén
participaron os distintos xefes de servizo e responsables do centro encargados
da formación dos residentes, así como as distintas direccións de enfermería.
Como complemento,
dedicouse un espazo para informar sobre a formación complementaria como
xornadas, sesións e cursos, que de forma habitual se imparten no Hospital e que
aportan outras perspectivas na formación continuada e que completa un proceso
que inclúe valores, competencias e destrezas. Estes temas, do mesmo xeito que
aspectos sobre a comunicación co paciente e os seus familiares, permiten aos
residentes relacionarse con disciplinas que lles aportan unha visión global, xa
que aúnan contidos de carácter social, ético, sanitario e ambiental.
Ademais, participaron residentes que se atopan formándose nas distintas
especialidades do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nos centros
de Atención Primaria da Área, que serán os que mellor poidan aclarar as dúbidas
suscitadas polos posibles candidatos, contribuíndo así a mellorar a súa
información á hora de escoller o mellor centro para a súa futura formación.
Para rematar, os titores de cada especialidade guiáronos nunha visita á Unidade
Docente correspondente para aclarar as súas dúbidas.