O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE PUBLICA AS LISTAS PROVISIONAIS DE SELECCIÓN TEMPORAL DE CATRO CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
21 05 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe​, a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal do Servizo Galego de Saúde das categorías de auxiliar administrativo, persoal de servizos xerais, cociñeiro e pinche. 

O total de aspirantes admitidos foi de 22.919 persoas. Por categorías, admitíronse 11.525 aspirantes en grupo auxiliar da función administrativa, 6.912 en persoal de servizos xerais, 3.938 en pinche e 544 en cociñeiro.  

O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de 1.137 en grupo auxiliar da función administrativa, 881 en persoal de servizos xerais, 257 en pinche e 61 en cociñeiro.   

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Sergas, no apartado Emprego Público-Listaxes de contratación persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. 

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, ata o 4 de xuño.

Próximas publicacións

Mañá 22 de maio publicaranse as listas provisionais das categorías de celador, celador (quenda discapacidade intelectual), técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico,  técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud