Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
MESAS INFORMATIVAS NOS CENTROS DE SAÚDE HOXE PARA ASESORAR SOBRE A IMPORTANCIA DE DEIXAR DE FUMAR
11 06 2019

Un total de 16 profesionais residentes de Medicina e Enfermería Familiar e Comunitaria distribuíronse esta mañá por distintos centros de saúde da área sanitaria ferrolá para ofrecer consello para deixar de fumar e realizar cooximetrías ós fumadores. Esta proba é para determinar o monóxido de carbono existente no seu ar exhalado, e coas que detectar, polo tanto, o nivel de perda de capacidade de osixenación da hemoglobina que implica o tabaco. Estes profesionais están esta mañá en Caranza, Fontenla Maristany e Serantes, en Ferrol; en Narón, en Neda e no Val, sumándose as actividades en torno ó Día Mundial sen Tabaco que se celebraba o pasado 31 de maio.
 

En relación con esta iniciativa, aproveitan para informar de que o tabaquismo é a primeira causa de morte, e ademais é evitable. É unha enfermidade que afecta a un terzo da poboación adulta. O 70% da poboación fumadora require asistencia sanitaria polo menos unha vez ó ano; e o 60% desta poboación desexa abandonar o tabaco e está demostrado que o consello clínico é decisivo para reforzar definitivamente a súa decisión.
 

Comité e Guía sobre o tabaquismo
A facultativa de Medicina Familiar e Comunitaria e membro do Comité de Prevención do Tabaquismo que coordina esta actividade de hoxe, Elena Romero Pérez, destaca que “a abordaxe do tabaquismo require un enfoque multidisciplinar no que deben participar todos os profesionais da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, que participan na asistencia sanitaria, independentemente do nivel de atención en que a presten”. Por iso, esta área conta cun Comité de Prevención do Tabaquismo e unha Guía Clínica a disposicións dos profesionais para a abordaxe do consumo de tabaco. O obxectivo é proporcionar ós profesionais sanitarios os recursos e circuítos asistenciais imprescindibles para que todos, na medida das súas competencias, poidan contribuír ó establecemento do tratamento do tabaquismo.
 

O circuíto ten o seu inicio tanto na consulta de atención primaria, como en calquera asistencia no ámbito hospitalario (ingreso ou consulta) ou nos dispositivos de urxencias. Todo o persoal sanitario debe tratar de identificar ós pacientes afectados polo tabaquismo, informarlles dos riscos que supón, e proporcionar consello anti-tabáquico na medida das súas competencias, así como deixalo rexistrado na historia clínica. Xunto con isto, todos os facultativos de atención primaria deben realizar de maneira sistemática intervención clínica sobre o tabaquismo, aplicando se precisa, tratamento médico (farmacolóxico e/ou abordaxe cognitiva-conductual).
 

Fronte ó tabaquismo
Lembrar que na Xerencia Integrada de Ferrol, existe unha consulta específica sobre tabaquismo, dirixida pola especialista en Pneumoloxía, Carmen Diego Roza, ademais do mencionado Comité de Prevención do Tabaquismo. Este Comité está formado por profesionais de diferentes eidos, que traballaron nesta guía clínica para facilitar ós profesionais os recursos e circuítos asistenciais necesarios. A guía conta con diferentes algoritmos orientativos relacionados co tabaquismo, diversa documentación relacionada; e, entre outras cousas, listados coas funcións da enfermaría; dos médicos dos centros de saúde; resumo de medidas de como actuar nas distintas fases do abandono do hábito tabáquico; e esquemas dos distintos tratamentos en cada momento e as súas contraindicacións. 
 

No caso de que a persoa que acude á sanidade sexa  fumador, actuarase en cada unha das fases das que se encontre. Por exemplo, se está en fase precontemplativa (non ten desexos de deixar fumar) recordarlle todo o que supón o tabaquismo e as posibilidades coas que conta; e, se está en fase contemplativa (con expectativa de deixar de fumar), facilitarlle as ferramentas necesarias para poder facelo. Para isto conta co seu especialista de Medicina Familiar e Comunitaria, ou, se este o considera, remitir á persoa á consulta específica de tabaquismo do Complexo Hospitalario Universitario, á que se chega cunha serie de criterios de derivación clínica que se recollen na guía. 
 
 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss