Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O CONSELLEIRO DE SANIDADE RECIBE AO PRIMEIRO GRUPO DE NENOS E NENAS SAHARAUÍS QUE PASARÁN O VERÁN EN GALICIA CO PROGRAMA VACACIÓNS EN PAZ
07 07 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu hoxe pola mañá, no aeroporto de Compostela, ao primeiro grupo do total de 330 nenos e nenas saharauís que participan no programa Vacacións en Paz 2019, organizado en Galicia pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Dende hai varios anos, numerosas familias galegas acollen no verán a nenos e nenas saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados, dentro desta iniciativa. Neste 2019, a súa estadía abrangue dende o 7 de xullo ao 9 setembro. 

Estes nenos e nenas, grazas á colaboración establecida entre o Sergas e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, teñen garantída cobertura sanitaria o tempo que permanezan na nosa Comunidade. Dita cobertura inclúe a atención primaria, a atención especializada e as prestacións farmacéuticas.
 
A cobertura sanitaria en primaria abrangue as consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; ademais de programas de atención á infancia e urxencias.
 
En canto á atención especializada, inclúese a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica, a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización.
No referido á prestación farmacéutica, a colaboración establecida abrangue a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss