Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O SERGAS DESTINOU ESTE ANO MÁIS DE 180.000 EUROS Á ASOCIACIÓN ASVIDAL PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROGRAMAS DE ASISTENCIA A PACIENTES CON TRASTORNOS ADICTIVOS
09 07 2019

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as instalacións da Unidade de Tratamento de Alcoholismo da Asociación Viguesa de Alcoholoxía (Asvidal) e interesouse polo traballo desenvolvido. O departamento sanitario galego vén colaborando dende hai anos coa asociación viguesa a través de convenios de colaboración ao obxecto de dar unha resposta máis completa e integral no ámbito da atención aos trastornos relacionados con substancias e os trastornos adictivos. Concretamente, este ano Asvidal recibiu unha axuda do Sergas de máis de 180.644 euros para o desenvolvemento de programas de intervención e asistencia sanitaria a pacientes con trastornos adictivos.

A entidade, constituída en 1983, presta asistencia a pacientes con trastornos adictivos de dependencia relacionados fundamentalmente co alcol, pero tamén co tabaco e outras dependencias sen substancias, de 26 concellos da zona sur da provincia de Pontevedra. Trátase dos concellos de Vigo, Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.
 
Asvidal xestiona na súa unidade os programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos (alcohol, tabaco e outras dependencias sen substancias) e programas sociosanitarios de prevención do alcoholismo. Ao longo do pasado ano a entidade viguesa sen ánimo de lucro atendeu a preto de 600 pacientes.
 

O centro da asociación viguesa ten unha superficie de 200 metros cadrados, dispón de cinco despachos (sala de reunións-biblioteca, sala de espera, sala de terapia, entrada de recepción e unha sala polivalente, ademais de almacéns e baños) e o seu equipo asistencial componse de psicólogas clínicas, médico especialista de alcoholismo e traballadoras sociais.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss