Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
A Xerencia Sanitaria de Santiago inaugura un espazo asociativo no Clínico para uso das asociacións de doetnes da área compostelá
01 08 2019

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019.- A Xerencia da Xestión Integrada de Santiago inaugurou esta mañá un Espazo de Uso Asociativo de Pacientes coa asistencia do director xeral de asistencia sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal, a xerente da XXIS, Eloína Núñez Masid, e membros de asociación de doentes da área compostelá.

 Para a xerente, Eloína Núñez, trátase dun “paso adiante no obxectivo de intensificar a colaboración entre asociacións e os profesionais dos nosos centros para a consecución dunha mellor atención ás persoas das que nos ocupamos”.


Pola súa banda, o director xeral de asistencia sanitaria destacou a importancia deste espazo para que “as asociacións teñan máis visibilidade”. Engadiu que “está onde ten que estar, no corazón dun gran hospital como é o Hospital Clínico”.

O novo espazo ven substituír o xa existente e permitirá usos que até o de agora non eran posibles. Vai supoñer unha mellora na accesibilidade e oferta de actividades para os pacientes. A área reformada ten unha superficie de 65 metros cadrados útiles, sendo cinco veces maior que a que ocupaba na actualidade.

No espazo inaugurado esta mañá prímase a versatilidade, e incorpora a posibilidade de realizar reunións, charlas formativas grupais, así como a atención individualizada no despacho habilitado para ese uso. Tamén incorpora un punto de consulta para o paciente, onde poderá acceder á información da rede.

Conta con estantes modulares para que cada asociación incorpore fisicamente material informativo diverso (folletos de información, formación, promoción de actividades propias ou compartidas, dispositivos de axuda para pacientes), o que considere oportuno para os usuarios, amais dun mural de consulta no que se pode acceder á información das distintas asociacións.

Entre os obxectivos que se perseguen están facilitar as funcións das asociacións de pacientes relativas á información, asesoramento, orientación e captación de interesados; promover a interacción entre as asociacións e o centro sanitario na actividade diaria e crear un entorno de coñecemento mutuo entre as asociacións, os profesionais e a propia xerencia.

Primeiro espazo asociativo nun hospital público galego
A finais de 2015 comezou a funcionar no Hospital Clínico Universitario de Santiago o primeiro espazo asociativo nun hospital público galego. Durante este tempo foi empregado por moitas das 29 asociacións que compoñen o consello asesor da área sanitaria de Santiago e Barbanza (onde tamén existe un espazo para asociacións de pacientes dende abril deste ano). Rexistrou actividade diaria e moitas das asociacións manteñen un calendario de uso periódico para atender aos seus usuarios na propia contorna hospitalaria.


Saúdos,



 



 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss