Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
NOVO PREMIO Á ENFERMARÍA COMUNITARIA DA ÁREA FERROLÁ, NESTA OCASIÓN POLA PREVENCIÓN DE LESIÓNS CUTÁNEAS
28 10 2019

A enfermaría comunitaria da Xerencia Integrada de Ferrol volve ser premiada en foros especializados, nesta ocasión, a comunicación oral Prevención das lesións cutáneas asociadas á dependencia a través da formación dos coidadores. Unha intervención comunitaria acadou o premio á mellor comunicación sobre integridade cutánea, nas X Xornadas Nacionais da Asociación de Enfermaría Comunitaria (AEC), que se outorgaba o pasado venres, en Valencia.
No seu traballo describían os seis talleres que se realizaron en diferentes centros de atención da área sanitaria ferrolá, no que participaron persoas coidadoras de pacientes dependentes para recibir información relativa a distintos aspectos relacionados coa integridade cutánea. Presentáronse un total de 185 traballos de toda España entre comunicacións orais e tipo póster. Foron seis de Galicia, e, desas seis, catro eran da área sanitaria ferrolá: dúas tipo póster e dúas orais, entre elas a que acadou o primeiro premio.
Persoa coidadora formada
Profesionais residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Xerencia Integrada de Ferrol, Jéssica Seco Franco, Patricia Torres Álvarez, Blanca Bañobre Izquierdo, Tamara Carrasco Fernández, Mario Rifá Crespo e Alicia Soto García, describen no seu traballo que “os pacientes dependentes son persoas con alto risco de deterioro da integridade cutánea e tisular”. As úlceras por presión son as lesións máis comúns, pero existen outras producidas tanto pola humidade como pola fricción. As guías de práctica clínica establecen que “estas lesións son potencialmente evitables se hai unha formación axeitada dos coidadores”.
Por isto, estes profesionais organizaron os mencionados talleres, de dúas horas de duración, nos que participaron un total de 28 coidadores de pacientes dependentes ou inmobilizados. Os obxectivos eran achegar información sobre como previr as lesións cutáneas asociadas á dependencia; ofrecer apoio; e presentar os recursos sociosanitarios dispoñibles. Abordáronse cuestións como o coidado da pel, os cambios posturais, o manexo de dispositivos ou aspectos nutricionais. O 86% destas persoas coidadoras eran mulleres de entre 33 e 75 anos. A media de idade das persoas dependentes era de 86 anos.
Estas profesionais conclúen que “identificar ó coidador principal, valorar a súas habilidades e dispoñibilidade, e os recursos do individuo para poder establecer unha axeitada prevención é unha das recomendacións da guías de práctica clínica”; e que “esta experiencia permitiu dar a coñecer a enfermaría familiar e comunitaria e ofrecer información e respaldo ós coidadores, chegando a crear incluso unha rede de apoio informal entre os participantes”, conclúen os residentes de Enfermaría Familiar e Comunitaria, autores do traballo premiado a nivel nacional.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss