Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O 061 TRABALLARÁ COA CRUZ VERMELLA E A SOCIEDADE ESPAÑOLA DE CARDIOLOXÍA PARA DAR A COÑECER AS TÉCNICAS DE REANIMACIÓN CARDIOPULMONAR
22 11 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús  Vázquez Almuiña, asinou esta mañá o acordo polo que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061, Cruz Vermella Española e a Sociedade Española de Cardioloxía van colaborar no fomento da formación en resucitación cardiopulmonar e o incremento da capacitación no uso da desfibrilación automática.

Con esta sinatura, as tres entidades acordan colaborar na promoción e difusión do coñecemento das técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP), con atención especial ao incremento no número de DESA dispoñibles e de persoas capacitadas para usalos. Para levar a cabo estas tarefas, vanse apoiar varios programas xa en funcionamento, entre os que destacan “Acude e Axuda”, da Consellería de Sanidade e o proxecto “Ariadna”  de Cruz Vermella e a Sociedade Española de Cardioloxía.
 
O programa “Acude e Axuda” de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria consiste en coordinar a cidadáns, voluntarios que estean acreditados no manexo de DESA, que ante a aparición dunha alerta de parada cardíaca reciben un aviso vía aplicación de smartphone por parte do 061. Dende este centro levarase a cabo a coordinación para mobilizar aos que estean máis próximos ao suceso, tanto para a atención directa á parada como para recoller un desfibrilador na zona, ata que cheguen os servizos sanitarios do 061.
 
Por outra parte, a aplicación “Ariadna” permite xeolocalizar desfibriladores en espazos públicos e privados para que se coñeza a súa ubicación, de xeito que se posibilite o acceso a eles en caso de parada cardiorrespiratoria. Coa sinatura agora deste acordo posibilitarase que as persoas adscritas a “Acude e Axuda” poidan formar parte do programa “Ariadna” e viceversa. Deste xeito, os dous proxectos terán o maior número posible de voluntarios  e de DESA dispoñibles en Galicia. 
 

A nosa comunidade foi pioneira na lexislación e na implantación de DESA en España, coa primeira regulación legal do seu uso por persoal non medico mediante o Decreto 251/2000, do 5 de outubro,. Na actualidade, a normativa vixente e o Decreto 38/2017, do 23 de marzo, polo que se regula a instalación e o uso de desfibriladores externos fora do ámbito sanitario, e créase o seu rexistro. 

Morte súbita por parada cardíaca
A morte súbita por parada cardíaca (PC) representa un problema prioritario para a saúde pública. Calcúlase que en España prodúcese anualmente unha PC cada 20 minutos aproximadamente. Cada minuto que pasa calcúlase que a supervivencia das persoas que sufriron unha PC redúcese nun 10%. Nos casos en que a PC é causada por unha  fibrilación ventricular ou unha taquicardia ventricular sen pulso, a desfibrilación eléctrica precoz é o único tratamento eficaz, sendo a  precocidade o factor que máis contribúe na supervivencia dos pacientes.
 
A maioría das PC prodúcense en presenza de testemuñas. A experiencia acumulada nos últimos anos demostra a efectividade da desfibrilación precoz na recuperación dun ritmo cardíaco eficaz. Por outra banda, a realización precoz de manobras de reanimación  cardiopulmonar por testemuñas alonga o tempo no que a desfibrilación é efectiva, e demostrou dobrar a supervivencia nos pacientes que padecen unha PC  extrahospitalaria.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss