Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O SERGAS PUBLICA A COMPOSICIÓN DOS TRIBUNAIS DA OPE DE DIVERSAS CATEGORÍAS DE PERSOAL ESTATUTARIO
25 11 2019

​O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as resolucións cos nomeamentos do membros dos tribunais caulificadores do concurso oposición de diversas categorías de persoal estatutario do Sergas. Na determinación da composición dos tribunais respectáronse os principios de profesionalidade dos seus membros establecidos pola normativa vixente así como os criterios de designación elaborados pola Comisión Técnica de Mellora dos procesos selectivos e aprobados pola Mesa Sectorial de Negociación. Estes criterios están publicados na páxina web do Servizo Galego de Saúde.

Os órganos de selección están formados por profesionais con distinta antigüidade no sistema sanitario público e procedentes de distintos ámbitos de xestión. Todos eles ostentan a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario de carreira en categoría para cuxo acceso se require estar en posesión dunha titulación do mesmo ou superior nivel académico ao esixido para o ingreso.
 
Segundo as mesmas resolucións fanse públicas as listas de persoas admitidas e excluídas no concurso oposición para o ingreso nas categorías de médico de familia, pediatra e odontólogo de atención primaria, persoal de servizos xerais, técnico en coidados auxiliares de enfermaría e fisioterapeuta, así como de enfermeiros especialistas en pediatría, saúde mental, enfermería do traballo, familiar e comunitaria, e obstétrico-xinecolóxica.
 
En total, para as 1,492 pazas ofertadas nas distintas categorías, resultaron admitidos  19.708 aspirantes, dos que 2.156 terán que realizar o exame de lingua galega.
 
Desas 1.492 prazas,  254 son para médicos de familia e 93 para pediatras de atención primaria. Tamén haberá 7 para  odontólogo de atención primaria e 71 de  fisioterapeuta. Para enfermería especialistas a oferta é de 30  prazas para enfermería familiar e comunitaria, 30  de saúde mental, 18  de pediátrica, 2 enfermería do traballo e 89 para  obstétrico-xinecolóxica.
 
A isto hai que engadir 772 prazas de técnico en coidados auxiliares de enfermaría, que inclúe 37 prazas para persoas con discapacidade intelectual, e  outras 126 de persoal de servizos xerais.
 
Este novo proceso selectivo dá cumprimento aos compromisos de avanzar na implantación no Sergas das especialidades de enfermaría así como no reforzo do nivel asistencial de atención primaria. En particular, na categoría de médico de familia incorporaranse ao finalizar este proceso un total de 254 novos profesionais con vinculación fixa, que se sumarán aos 241 que se están a incorporar actualmente ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde.
 
As listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos así como dos exentos e non exentos da proba de galego, poden consultarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). O estado da solicitude pode ser consultado por cada aspirante no seu expediente profesional electrónico en Fides/expedient-e/sección de procesos.
 
Este é o terceiro proceso selectivo convocado polo Sergas, que se suma aos xa convocados  de celador e persoal de servizos xerais, no que se habilita unha quenda diferenciada para os aspirantes que acrediten unha discapacidade intelectual,. Estes aspirantes terán adaptacións de temarios e tempo de realización das probas para permitir a súa participación no proceso en condicións de igualdade e facilitar así a súa integración laboral. Para a elaboración dos temarios e adaptación das normas e instrucións xerais do proceso a lectura fácil, o Servizo Galego de Saúde contou coa colaboración das asociacións FADEMGA Plena Inclusión e DOWN Galicia.
 

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss