Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
ALMUIÑA AGRADECE AOS INVESTIGADORES GALEGOS O TRABALLO DIARIO PARA MELLORAR A SITUACIÓN DA INFECCIÓN POLO VIH E OUTRAS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL
29 11 2019
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, felicitou aos investigadores premiados pola departamento sanitario galego con motivo do Día Mundial da Sida, que se celebra o 1 de decembro, e agradeceulles, xunto ao resto de equipos investigadores galegos, o traballo que están a realizar dia a día nos seus respectivos centros para mellorar a situación da infección polo VIH e outras infeccións de transmisión sexual.
 
Na súa intervención, o máximo responsable da sanidade pública galega sinalou que a tendencia epidemolóxica polo VIH se mantivo descendente e as liñas de actuación son a intervención primaria, garantir a asistencia sanitaria, reducir o estigma e discriminación dos afectados e, ademais, promover o acceso aos servizos e prestacións sociais.
 
Segundo Almuiña, grazas ao descenso da incidencia da infección polo VIH e da sida en Galicia, os novos obxectivos poden ser máis esixentes e ambiciosos. Entres estes obxectivos o conselleiro sinalou a diminución da incidencia anual de novos diagnósticos de infección polo VIH por baixo dos 4 casos/100.000 habitantes, así como manter a incidencia anual da sida por baixo de 0.5 casos/100.000 habitantes.
 
O conselleiro agradeceu ás entidades sen ánimo de lucro que traballan no eido do VIH e outras infeccións de transmisión sexual o importante labor que están a facer, especialmente coas persoas máis vulnerables. O seu papel é imprescindible e marcan a diferenza para que ninguén quede atrás na batalla contra o VIH, remarcou Almuiña.

 

Premiados
O primeiro premio de investigación, dotado con 3.000 euros, foi para o artigo titulado: “Lipid changes and tolerability in a cohort of adult hiv-infected patients who switched to rilpivirine/emtricitabine/tenofovir due to intolerance to previous combination”, do Servizo de Medicina Interna do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
 
O segundo premio, dotado con 1.500 euros, foi para o artigo titulado: “Indirect and total effectiveness of bivalent hpv vaccine in women in Galicia”, do Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
 
No acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares, o presidente da Asociación lucense de axuda ao drogodependente (Aliad-Ultreia), Manuel Varela Veiga, leu o manifesto do Día Mundial da Sida. Posteriomente, o vicepresidente de Sogaisida, Julio Diz Arén, falou dos ultimos avances no tratamento antirretroviral e a súa utilidade como ferramenta preventiva. No acto tamén interveu o xefe de servizo de Control de enfermidades transmisibles da Consellería de Sanidade, José Antonio Taboada Rodríguez, quen falou da importancia da promoción da vacinación na prevención das infeccións de transmisión sexual inmunoprevibles.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss