Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
CADA DÍA O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE REALIZA MÁIS DE 160.200 INTERVENCIÓNS SANITARIAS
09 02 2020

Cada día o Servizo Galego de Saúde leva a cabo máis de 160.200 intervencións sanitarias. O Sergas atendeu durante 2019 unha media diaria de 128.000 consultas tanto en hospitais como en centros de saúde, realiza unha media de 14.100 probas diagnósticas e fai de media 830 intervencións. Ademáis, neste período o sistema sanitario público atendeu cada día máis de 7.000 urxencias, arredor de 5.100 estancias hospitalarias e realiza de media 1.600 sesións nos hospitais de día.

Da actividade realizada en consultas, arredor de 21.700 realízaronse en hospitais incluíndo consultas de medicina, enfermería, farmacia, traballo social e anestesia. Durante 2019, os profesionais realizaron 5.495.161 consultas, a actividade máis alta que consta no rexistro do Sergas. Cómpre sinalar que 162.657 foron consultas non presenciais. 
 
Pola súa banda, os centros de saúde atenderon durante 2019 cada día en Galicia máis de 106.300 consultas. En total o pasado ano, neste nivel asistencial realizáronse 26.907.790 citas, o 59% foron consultas de medicina, isto é, máis de 15,8 millóns de consultas e outros 11 millóns son consultas doutras categorías profesionais. Ademáis, o número total de consultas telefónicas superou os 3.089.624, a meirande parte (2,5 millóns) realizadas co profesional de medicina de familia.

 

Probas diagnósticas realizadas

O obxectivo do Servizo Galego de Saúde durante 2019 foi incrementar o grao de resolución da área diagnóstica a través de medidas como a extensión da telemedicina, xa dispoñible no 100% dos centros de saúde, e o traballo en rede. O Sergas tamén está a traballar no deseño de protocolos conxuntos para axilizar a petición de probas e para incrementar o número de probas accesibles aos profesionais de atención primaria.

A media diaria de probas diagnósticas realizadas durante o pasado ano foi de arredor de 14.100, cun total de 3.585.098 probas feitas. Así, o Sergas fai cada día unha media de 6.170 radiografías convencionais, 1.703 ecografías, 419 resonancias e 1.157 TAC.
 
Actividade diaria nos hospitais e atención urxente
Os hospitais públicos da rede do Sergas suman un total de 215.149 intervencións durante 2019, 100.242 con ingreso e outras 114.907 ambulatorias. Do total de intervencións, as programadas ascenden a 181.387 fronte a 33.762 urxentes.
 
Isto é, os hospitais do Sergas realizaron unha media diaria de 830 intervencións cirúrxicas -440 ambulatorias e 390 con ingreso- e un transplante de media. Ademais, xestionan máis de 5.100 estadías no hospital.
 
Con respecto da atención urxente, toda a rede do Sergas realiza cada día máis de 7.000 atencións, 4.200 atencións urxentes en atención primaria e outras 2.800 a través do servizos de urxencias dos hospitais. Os centros hospitalarios atenderon 1.049.411 urxencias no 2019 e os puntos de atención continuada realizaron 1,5 millóns de atencións urxentes.
 
Esta actividade complétase coa realizada polo 061, que cada día atende máis de 3.000 chamadas e executa máis de 1.200 asistencias.
A hospitalización supón cada día unha media de 5.142 estancias. Realizáronse durante o ano pasado 245.575 ingresos hospitalarios.
Os hospitais de día realizaron durante 2019 un total de 411.173 sesións, o que supón unha media cada xornada de 1.600 intervencións e os servizos de HADO fan 231 visitas/día. En total, o pasado ano as unidades de hospitalización a domicilio efectuaron 58.377 visitas.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss