Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
CONFIRMADOS DOUS NOVOS POSITIVOS DE INFECCIÓN POR CORONAVIRUS EN GALICIA, NO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO DE VIGO E NO HOSPITAL DA CORUÑA
08 03 2020

Galicia conta con dous novos casos positivos de infección por coronavirus confirmados polo Centro Nacional de Microbioloxía. Con estes, son xa seis o total de casos na nosa comunidade (catro en Vigo e 2 na Coruña). O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe en rolda de prensa que Galicia continúa cunha das taxas máis baixas de casos confirmados con 0,22/100.000 habitantes.

Almuiña sinalou que Galicia mantén dende o primeiro momento unha vixiancia permanente a través da rede hospitalaria, atención primaria e 061 para detectar posibles casos e intervir inmediatamente na contención do coronavirus.
 
Dous novos casos positivos
As análises realizadas no Hospital Álvaro Cunqueiro, e confirmadas polo Centro Nacional de Microbioloxía, confirman a infección dun novo caso que mantén vínculo estreito cos outros positivos detectado na área sanitaria de Vigo. Trátase dunha muller que se mantén asintomática e, despois de ser explorada no centro hospitalario, manterase con seguimento hospitalario no seu domicilio, seguindo os protocolos establecidos polo Ministerio de Sanidade.
 

 

Así mesmo, seguindo os protocolos do Ministerio, a muller e o menor que deran positivo nas análises en Vigo permanecen asintomáticos e trasladáronse ao seu domicilio, para continuar con asistencia hospitalaria a domicilio.
 
O outro caso positivo confirmado polo Centro Nacional de Microbioloxía, trátase dun varón de 81 anos con varias patoloxías previas que se atopa ingresado no centro hospitalario e non tiña viaxado a ningunha das zonas xeográficas consideradas de risco.
 
A Direccion Xeral de Saúde, seguindo os protocolos acordados co Ministerio de Sanidade, xa iniciou o estudo de contactos para previr novos contaxios.

 

Oito casos pendentes de confirmación
 
Actualmente en Galicia hai un total de oito casos que están pendentes de confirmación  por parte do Centro Nacional de Microbioloxía de infección por coronavirus. Do total destes oito casos, seis están en illamento domiciliario e outros dous permanecen no hospital.
 

 

Na Coruña hai un total de sete casos pendentes de confirmación. Cinco destes casos teñen un vínculo epidemiolóxico cun dos positivos confirmados nesta área, os outros dous casos non teñen vínculo epidemiolóxico entre eles nin tampouco con ningún dos positivos. A Direccion Xeral de Saúde mantén aberta a investigación dos contactos para previr novos contaxios.

 

 

 

Tamén en Ourense estáse pendente de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbioloxía dun caso importado que deu positivo nunha primeira análise. Trátase dunha muller de 35 anos que non presenta sintomatoloxía e que permanece ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense.

 

 
Recomendacións sanitarias
Dende o Sergas lémbrase que a Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto.
No caso de persoas procedentes dunha viaxe ou que estivesen en contacto con persoas que veñan dunha área de risco e presente síntomas (tos, febre ou dificultade respiratoria), recoméndase que non acuda directamente ao hospital nin ao centro de saúde senón que contacte telefónicamente co 061.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss