Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O TELÉFONO GRATUÍTO 900 400 116 REFÓRZASE DESDE HOXE COA INCORPORACIÓN DE ATA 100 TELEOPERADORES PARA AXILIZAR A ATENCIÓN ÁS CONSULTAS SOBRE O CORONAVIRUS
17 03 2020

A Consellería de Sanidade vén de reforzar, desde esta mesma mañá, o teléfono 900 400 116 de información sobre o coronavirus coa incorporación de ata 100 teleoperadores para a atención exclusiva ás consultas e as solicitudes de información relacionadas con esta enfermidade co obxectivo de axilizar a atención á poboación.

O reforzo do persoal de operación telefónica realizarase de luns a venres, en horario de 9,00 a 21,00 horas no que se está a recibir o maior número de chamadas en relación co coronavirus. Con esta medida, o departamento de Sanidade garante a atención telefónica inicial de todas aquelas persoas que chamen a este teléfono gratuíto.
 

O teléfono  900 400 116 habilitouse para aquelas persoas que teñan síntomas leves de coronavirus e estiveran  nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus, e aqueles que queiran solicitar información relacionada con esta enfermidade. Deste xeito, o 061 mantense como o teléfono exclusivo para a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia. Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria, deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.

 

2.950 chamadas atendidas onte polo coronavirus

Desde que a Comunidade galega rexistrase os primeiros casos de persoas infectadas co coronavirus, na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061,que xestiona tanto o teléfono 061 como o 900 400 116, rexistrouse un progresivo incremento do número de chamadas atendidas ata chegar a un incremento do 60%. No día de onte, na Central de Coordinación atendéronse 7.368 chamadas, das cales 2.950 chamadas tiñan relación con coronavirus. Destas, 2.127 chamadas atendéronse no 900 400 116 e 821 no teléfono 061.
 

O reforzo da atención telefónica ao 900 400 116 co persoal teleoperador engádese a outras ferramentas de atención e consulta acerca desta enfermidade como o formulario de autotest sobre o coronavirus, dispoñible desde onte na páxina do Sergas https://coronavirus.sergas.gal, e na páxina web do 061 061.sergas.gal. Ademais, a páxina web do 061 ofrece a posibilidade de realizar consultas on line sobre esta enfermidade a través dun sinxelo formulario que será constestado por persoal sanitario a maior brevidade posible.

Cómpre recordar que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que na maioría dos casos a infección por esta enfermidade é similar a un arrefriado común. As recomendacións para evitar un posible contaxio, establecen principalmente lavarse frecuentemente as mans con auga e xabón, evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca se non ten as mans limpas, e cubrir a boca e o nariz co cóbado se tose ou espirra.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss