Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
GALICIA REXISTRA UN TOTAL DE 4.058 CASOS INFECTADOS POR CORONAVIRUS
01 04 2020

​Galicia ten a taxa de letalide máis baixa de todas as comunidades autónomas de España, cun 2,32% respecto da media do estado que é dun 8,86 %. Tan só  as cidades autónomas de  Ceuta e Melilla teñen unha taxa inferior, cun 1,96% e 1,61% respectivamente. A taxa de letalidade reflicte a porcentaxe de falecidos respecto dos contaxiados.

No referido aos últimos datos, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 4.058, deles 906 son da área da Coruña, 456 da de Lugo, 559 da de Ourense, 382 da de Pontevedra, 955 da área de Vigo, 581 da de Santiago, e 219 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 157 permanecen en UCI, 807 están en unidades de hospitalización e 3.094 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 259 altas de pacientes e 115 falecementos.
 
O número de PCR realizadas é de 19.332.
 
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
 
Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
 
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
 
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

 

Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss