Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
A XUNTA DESTINA MÁIS DE 400.000 EUROS AO DESENVOLVEMENTO DE CONVENIOS PARA A INCORPORACIÓN SOCIALABORAL DE PACIENTES CON TRASTORNOS RELACIONADOS CON SUBSTANCIAS ADICTIVAS
04 04 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou esta semana os convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e oito asociacións que prestan programas no campo da incorporación sociolaboral de persoas drogodependentes,  por un importe de 404.063 euros. Estas axudas, que se incrementan un 10% respecto das do pasado ano, están destinadas ao desenvolvemento dos programas de atención sanitaria e xurídico social á poboación con trastornos adictivos por parte de entidades sen ánimo de lucro da nosa Comunidade Autónoma.

As entidades coas que se asinaron telemáticamente os convenios son ALIAD-ULTREIA (Lugo), Antonio Noche (A Coruña), ATOX (Ourense), Érguete (Vigo), Renacer (Ribeira), Rexurdir Provincial (Pontevedra), e Vieiro (Carballo), e Fundación Érguete Integración.
 
O programa de atención xurídico social está dirixido á atención integral das persoas con trastornos aditivos e problemática legal engadida, prestando axuda técnica a xuíces e fiscais sobre a realidade social e persoal así como ao persoal asistencial e ás familias. Durante 2019, estes convenios permitiron a realización de máis de 4.000 intervencións cos usuarios.
 

Cómpre remarcar que as entidades manteñen os seus programas en activo nesta situación de emerxencia sanitaria polo Coronavirus en íntima coordinación cos dispositivos de asistencia sanitaria en materia de adiccións, os servizos sociais municipais e as subdireccións de tratamento do ámbito penitenciario para aqueles casos acollidos a medidas xudiciais substitutivas de condena/terceiro grao.

Estes convenios asinados compleméntanse cos autorizados en marzo polo Consello da Xunta con diferentes asociacións sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos, por un importe de 6,4 millóns.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss