Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O SERVIZO DE CARDIOLOXÍA DO CHUF PILOTA UN PROXECTO QUE PERMITE O SEGUIMENTO TÉCNICO DOS MARCAPASOS EN REMOTO
11 06 2020

A Unidade de Marcapasos do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) pilota esta tarde un  proxecto de seguimento remoto de dispositivos de estimulación cardíaca, marcapasos, en período Covid. Unha trintena de pacientes a seguimento por esta Unidade acoden nos seus coches ó recinto do Hospital Naval do Complexo, onde, sen baixar do automóbil, se lle realiza a monitorización do seu dispositivo e o rexistro de datos que, ó día seguinte, valorará o profesional sanitario especializado.
A situación provocada polo coronavirus fixo que se busquen alternativas de atención coa máxima seguridade, e, ante o risco para o paciente portador dos sistemas de estimulación cardíaca, que soe ser unha persoa maior con comorbilidade cardiovascular, o Servizo de Cardioloxía propón o uso de monitorización remota cando sexa posible para evitar as visitas ós hospitais e clínicas. Neste senso, este programa piloto, que segue as indicacións da Sociedade Europea de Cardioloxía, pretende avaliar a atención e control de varios pacientes nunha soa xornada sen que teñan que baixar do seu coche. O médico responsable revisa a información rexistrada do aparato, contacta telefonicamente co paciente, e programa o seguimento posterior, ou establece unha visita, de ser necesaria.
O obxectivo é minimizar o risco actual nas fases de reactivación sanitaria ou na necesidade de enfrontar, se se produce, a atención a estes pacientes nun posible contexto de futuro rebrote. Trátase, polo tanto, de amosar que a monitorización colectiva é factible e eficiente para revisar ós pacientes portadores de marcapasos, minimizando os riscos da consulta presencial en período Covid; que a Unidade está preparada para poder garantir o seguimento incluso no non desexable escenario dunha nova recorrencia da pandemia; e, ademais, avaliar que este seguimento descentralizado ofreza tamén novas opcións de futuro, incluso máis achegadas ó domicilio do paciente.
Na Área Sanitaria de Ferrol están a seguimento uns 1.500 pacientes portadores de marcapasos. Implántanse uns 180 dispositivos deste tipo ó ano no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O perfil de paciente con trastorno do ritmo cardíaco, explican dende esta Unidade, é un home ou muller, non hai grandes diferenzas de xénero, cunha idade media de 80 anos.
Os marcapasos son uns dispositivos electrónicos deseñados para producir impulsos eléctricos que poidan estimular ó músculo cardíaco nos casos en que falla a estimulación fisiolóxica ou normal. Os marcapasos son pequenos computadores que vixían continuamente o ritmo do corazón; e se nalgún momento non se produce un latexado cardíaco, o marcapasos é capaz de detectalo e enviar un sinal eléctrico a través dos cables (eléctrodos) para que o corazón se contraia.
Seguimento remoto dos dispositivos
Os marcapasos precisan un control, normalmente anual, das condicións de seguridade do seu funcionamento. “Actualmente estes dispositivos son moi seguros e con moitos automatismos que só requiren un control técnico, explica o cardiólogo do Complexo Hospitalario, Emiliano Fernández-Obanza Windscheid. “Se nese control técnico está todo correcto, xa non teñen que volver ó centro hospitalario para unha segunda consulta, e se hai algunha cuestión que valorar trala revisión dos datos, dáselle unha cita ó paciente para vir ás consultas”, engade.
“Os pacientes deste programa piloto son un grupo de persoas ás que xa lle tocaba a revisión do seu dispositivo”, continúa o especialista, e “temos valorado caso por caso os que son susceptibles de se sumar a este modalidade, xa que teñen que ter a posibilidade de vir en automóbil, e non poden ter outro tipo de patoloxía engadida que valorar aparte do control  rutineiro do dispositivo”. Nesta pilotaxe, participa activamente xunto cos cardiólogos da Unidade de Marcapasos, a profesional de Enfermería, Conchi Miralles Frutos.
As vantaxes deste proxecto piloto, no que se separa a parte técnica de control do dispositivo da parte clínica, resume Emiliano Fernández-Obanza, son a redución do número de visitas ó centro hospitalario, a diminución do tempo intrahospitalario ó mellorar a eficiencia durante o seguimento; e, en consecuencia, o aumento da seguridade tanto do paciente como do profesional.

SAÚDOS,
COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss