Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
OUTROS CATRO POSITIVOS MÁIS ELEVAN A 22 OS CASOS DE CORONAVIRUS DA COMARCA DE A MARIÑA
27 06 2020

A Consellería de Sanidade informa que, nestes momentos, segundo as probas realizadas, confírmanse outros catro casos positivos de persoas afectadas por Covid-19 na comarca de A Mariña, o que eleva a 22 o número total de casos detectados nesta zona pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.
 
O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse na tarde do pasado martes no concello de Xove. A partir desta confirmación inicial, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento, mediante as probas realizadas, que superan as 200, confírmase a existencia de 22 positivos en Covid-19. Nestes momentos, aínda hai estudos pendentes de obter o resultado, ao tempo que se seguen a facer máis probas aos contactos xurdidos dos novos casos.
 
Desde a detección do primeiro positivo, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo e dos sucesivos que foron aparecendo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos, pois tanto a Consellería de Sanidade como o Servizo Galego de Saúde seguen a investigar e a rastrexar todos os contactos dos novos positivos, así como a adoptar todas as medidas necesarias para o eficaz control do brote.
 
O departamento sanitario da Xunta de Galicia avalía a posibilidade de que os dous focos de Covid-19 activos na comarca de A Mariña, o de Burela e o de Xove, estean relacionados entre sí, polo que segue a investigar todas as relacións entre eles.
 
Dos 22 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Unha das persoas con resultado positivo está ingresada no Hospital Público da Mariña.  Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.
 
A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a máis de 150 persoas relacionadas con este brote e séguense a investigar os contactos que teñen relación cos novos casos que foron aparecendo.
 
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico, asegurou que o departamento sanitario da Xunta actuou con dilixencia e rapidez dende o primeiro momento en que se detectou un caso positivo, coa fin de controlar e acotar antes posible o brote. Tamén destacou a capacidade do equipo de mostras para realizar todas as probas que sexan necesarias, de forma rápida, así como a capacidade asistencial  que ten o Hospital Público da Mariña e os centros de saúde da comarca para a atención de todos os usuarios.
 
Neste senso, Ares Rico transmitiu unha mensaxe de tranquilidade e a seguridade de que a Consellería de Sanidade está a actuar con rapidez e facendo todo o preciso para acotar o brote o antes posible. Así mesmo, Ares Rico insistiu na capacidade asistencial do equipo de mostras e do Hospital Público da Mariña “que están a facer con premura e eficacia absolutamente todas as probas que son necesarias e a todos os contactos das persoas afectadas”.
 
Dende o Sergas queremos destacar o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social.

 

A Consellería de Sanidade reitera á  cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss