Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
SANIDADE SUAVIZA AS RESTRICIÓNS NO CARBALLIÑO E INCORPORA AOS CONCELLOS DE VILALBA E A LARACHA Á LISTAXE DE MUNICIPIOS CON MEDIDAS ESPECIAIS
20 11 2020

O subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas nos concellos de Vilalba e A Laracha, ao tempo que decidiu  suavizar as restricións vixentes no concello ourensá do Carballiño.

Tras a xuntanza deste venres, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporar dous novos concellos ao grupo de municipios con restricións especiais.
 
Na provincia da Coruña, o concello da Laracha incorporarase desde esta medianoite ao conxunto de municipios da comarca de Bergantiños, co que, ademais de ver incrementadas as súas restricións, a súa mobilidade tamén ficará restrinxida ao ámbito territorial conformado polo concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.
 
Así mesmo, o concello lugués de Vilalba verá reforzadas as súas restricións desde as 00:00 horas.
 
Entre as novas decisións adoptadas hoxe destaca o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño, onde, desde esta medianoite, rexerán as medidas do nivel 2.
 
Ademais, cómpre salientar que as localidades de Ribeira e A Rúa, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.
 
As medidas serán publicadas na xornada de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e  entrarán en vigor a partir das 00:00 horas desta medianoite.
 
Unha vez máis, a Xunta de Galicia lembra da obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia e solicita a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas.
 
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss