Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE LANZA A CAMPAÑA DE PROMOCIÓN DA DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA
02 12 2020

Cada ano son diagnosticadas 6.400 persoas de leucemia en España. Moitas delas precisarán dun transplante de medula ósea para poder superar a enfermidade.

O transplante de proxenitores hematopoéticos (TPH), máis coñecido coma transplante de medula ósea, é a única esperanza para moitos afectados de leucemia e outras enfermidades do sangue. Consiste en substituír as células enfermas do paciente por células sas dun doador. En relación á fonte de proxenitores empregada, estes poden ser de medula ósea, de sangue periférico ou de sangue do cordón umbilical, aínda que hoxe en día o 99% das veces utilízase sangue periférico.
 
Só un de cada catro pacientes que necesitan un transplante teñen un familiar compatible. Por este motivo creáronse os rexistros nacionais de doadores de proxenitores hematopoéticos, de tal forma que, cando un paciente necesita un transplante e non ten familiar compatible, recórrese ao Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea (REDMO), e no caso de non se atopar un doador compatible no REDMO, este conecta de forma automática co resto de rexistros internacionais de doadores de medula ósea que se atopa agrupado no Bone Marrow Donors Worldwide (BMDW). Cantas máis persoas se inscriban no Rexistro de Doadores de Medula Ósea  (REDMO), máis posibilidades haberá de que pacientes de leucemia de todo o mundo poidan atopar un doante compatible para salvar a sua vida.
 
Colaboración con ASOTRAME
En Galicia, a día de hoxe, temos 12.277 persoas inscritas, preparadas para ser doadores se así se require. No ano 2019, seis desas persoas chegaron a ser doadores reais e puideron salvar a vida doutros tantos pacientes cos que eran compatibles.
 
Para poder seguir aumentando o número de inscritos, ADOS, en colaboración coa Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea (ASOTRAME), lanza unha campaña de sensibilización nas redes sociais e nos puntos de doazón de sangue co lema: Doa medula ósea.
 
Durante toda a campaña universitaria coa doazón de sangue entrégase unha caixa cunha peza de froita, nesta caixa, deseñada cara a campaña, atópase un código QR con  información sobre a doazón de medula ósea.
 
Ademais, en colaboración con ASOTRAME, farase un vídeo, para as redes sociais, coa  participación de persoas que recibiron un transplante e xa superaron a enfermidade.
 
Pode ser doador de medula ósea toda aquela persoa con idade comprendida entre os 18 e 40 anos que estea sa. Para facerse doador pódese chamar ao teléfono gratuíto de ADOS 900 100 828. Recibirán información detallada acerca de que consiste a doazón de medula ósea e lles resolverán todas as dúbidas. Tamén poden conseguir información nos puntos de doazón de sangue e a través da páxina http://galicia.medulaosea.org

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss