Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O PRIMEIRO TRATAMENTO CON CÉLULAS NAI DO CHUF CONSEGUE A REMISIÓN COMPLETA DA FÍSTULA PERIANAL EN PACIENTE CROHN POR VEZ PRIMEIRA EN GALICIA
20 02 2021

​O equipo multidisciplinar da Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Servizo de Dixestivo realizaba o pasado xullo no quirófano do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol o primeiro tratamento de fístula perianal con terapia celular aloxénica na Área Sanitaria de Ferrol, é dicir, con células nai vivas procedentes de persoas sans, que se considera na actualidade como o tratamento máis efectivo en fístulas de Crohn refractarias, e que debe ser aplicado baixo o control dun equipo multidisciplinar para conseguir os mellores resultados. Esta era en xullo a terceira experiencia en Galicia con células nai, e que realiza unha Unidade de referencia, e acreditada para iso, como é esta Unidade multidisciplinar de Inflamatoria Intestinal.

Esta técnica ten unha revisión semestral para comprobar se cumpre “a remisión clínica combinada”, é dicir, acadando por unha banda unha resposta clínica, con desaparición das síntomas como a dor ou a drenaxe fistulosa; e, por outra, resposta radiolóxica con desaparición de abscesos e inflamación do tracto fistuloso no estudo por Resonancia. É  o primeiro caso de Galicia en conseguir este dobre efecto nese período de seis meses. A especialista en Dixestivo e responsable da Unidade, Ana Echarri Piúdo, destaca que “o caso ten ido ben cunha resposta completa ós seis meses tanto no que se refire á clínica do paciente como na valoración radiolóxica que certifica se existe ou non unha cicatrización completa da lesión”.
 
E engade “estamos moi contentos, xa que constitúe un avance importante para a calidade de vida de pacientes moi afectados. Este tratamento é o resultado do traballo do equipo multidisciplinar cuxa experiencia e formación previa ten permitido o desenvolvemento deste avance”. Estas intervencións continuarán na Área e xa hai pacientes candidatos para a realización da seguinte, en canto a situación da Covid o permita.
Carácter multidisciplinar e perfil de paciente
Esta terapia celular aloxénica consiste en inxectar células nai vivas no entorno do traxecto da fístula tras un tratamento de limpeza e drenaxe cirúrxica previa. Estas células, ademais, teñen un efecto inmunomodulador, que axuda co proceso de curación da fístula. O perfil do paciente que pode recibir este tratamento, explicaba xa no momento da intervención esta especialista, ten que se “valorar moi concisamente e en conxunto”, e é moi concreto, xa que ten que responder a unhas características determinadas, como o número de orificios da fístula, non ter abscesos ou afectación inflamatoria rectal antes do procedemento, ou ter fracasado a atención coas terapias biolóxicas previas, entre outras.
 

Os casos son valoradas polo Comité multidisciplinar na Unidade de EII que establece a indicación e o seguimento. O Comité está formado por un equipo de profesionais de diferentes especialidades, no que participan os especialistas da propia Unidade de EII, e os de Farmacia, Radiodiagnóstico e Cirurxía. Esta terapia ten dous pasos, unha cirurxía previa para preparación da área afectada, e a intervención para a inxección das células. O cirurxián, Ramón López de los Reyes, xa indicaba o día da intervención que “é un tratamento protocolizado para a súa aplicación en unidades acreditadas e con formación previa, xa que son necesarios uns requisitos e o cumprimento duns criterios clínicos; e tómase unha decisión tras unha avaliación consensuada por todo o equipo” .

A farmacéutica, Nieves Valcarce Pardeiro, do Servizo de Farmacia, destaca que a terapia celular con células vivas implica “unha trazabilidade e un control exhaustivo da conservación para manter a viabilidade das células ata chegar á cirurxía”. É unha das partes clave tamén para acadar esta situación actual de remisión. Pola súa banda, no Servizo de Radiodiagnóstico, realízase unha resonancia magnética previa que estuda e define o ámbito sobre o que actuar, e posteriormente, tamén no control ós seis meses para avaliar eficacia do tratamento e a evolución da enfermidade, explicaba o radiólogo Carlos Gallego Ojea; e é precisamente esa revisión a que define esta remisión completa da que informan hoxe.
 
Que é a enfermidade perianal e Unidade certificada
Coñécese como enfermidade perianal a aparición de lesións na zona do ano e do recto, principalmente abscesos e fístulas perianais asociadas á enfermidade inflamatoria intestinal (EII). Preséntase en maior medida en pacientes con enfermidade de Crohn, especialmente en casos de afectación inflamatoria rectal. A sintomatoloxía asociada limita as actividades e a calidade de vida dos pacientes que a padecen, e, nese senso, este tratamento supón unha nova opción terapéutica para eles.
 
Lembrar que a Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foi a primeira de Galicia en contar cun Comité Multidisciplinar, dende o ano 2013; e, tamén a primeira que, no 2018, recibía a certificación de calidade, e co maior grao de excelencia, por parte do Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (Geteccu), no marco do seu programa de Certificación de Unidades de Atención Integral de Enfermidade Inflamatoria Intestinal. Para a consecución desta certificación Buerau Veritas realiza unha auditoría na que se fai unha baremación de máis de 50 indicadores de procesos e resultados. Precisamente un dos aspectos destacados para recibir esta certificación é o carácter multidisciplinar da Unidade, que conta co mencionado Comité, onde se consensúan os distintos casos, e que fai posible este importante avance para os pacientes na Área Sanitaria de Ferrol.
 

SAÚDOS, COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss