Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
SANIDADE LEMBRA A IMPORTANCIA DA DETECCIÓN PRECOZ NO DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO DE COLON E FAI UN CHAMAMENTO A PARTICIPAR NOS CRIBADOS
31 03 2021

​Con motivo do Día mundial contra o cancro de colon, que se celebra hoxe, a Consellería de Sanidade quere lembrar a importancia da detección precoz desta enfermidade, e fai un chamamento a poboación para que participe nos cribados do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal. A iniciativa está dirixida a homes e mulleres de 50 a 69 anos e o seu obxectivo é detectar precozmente esta enfermidade.

O programa comezou a funcionar no ano 2013 e participaron nel un total de 449.672 persoas. Durante este tempo e ata decembro de 2019, enviáronse un total de 1.046.823 invitacións e participaron no programa o 44,39% das persoas invitadas, sete puntos superior en mulleres (47,7%), que en homes (40,8%). Ao analizar a participación por rolda de cribado, pódese observar que aquelas persoas que xa participaron algunha vez volven facelo nun 91,6%.
 
Dende o inicio do Programa e ata decembro de 2019, realizáronse colonoscopias a un total de 26.647 persoas. Grazas a estas probar puidéronse identificar 1.436  cancros invasivos, dos que o 67% estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor (49% en estadio I e 18% en estadio II). Se comparamos estes resultados cos dos cancros colorrectais detectados fora do cribado, tan só o 14% son diagnosticados en estadio I. Ademais dos cancros tamén se identificaron 4.736 persoas con adenomas de risco alto, 6.572 de risco medio e 5.983 de risco baixo.
 
Cómpre subliñar que a Consellería de Sanidade completou a cobertura total a toda a poboación obxectivo do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal en 2019, cinco anos antes do que establece a Carteira básica común de servizos do Sistema Nacional de Saúde (SNS).  Aínda que por mor da pandemia houbo que aprazar os chamamentos do cribado dende marzo do ano pasado, o Sergas retomou as citas de precolonoscopias e colonoscopias pendentes en canto se recuperou a actividade no mes de maio.
 
Funcionamento do programa
A proba de cribado consiste na detección de sangue oculto nas feces. A poboación diana, homes e mulleres de 50 a 69 anos, recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación con franqueo pagado. Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela.
 
Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde dende onde se remitirá ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise. As persoas con resultado negativo recibirán unha carta con este resultado de normalidade e se lles volverá a invitar no prazo de dous anos. As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de atención primaria para explicarlles o significado e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar a presenza de lesións.
 
A colonoscopia de cribado ten un carácter diagnóstico e terapéutico, xa que permite visualizar e extirpar todas as lesións detectadas. Unha vez realizada e extirpadas -no seu caso- as lesións suxestivas de malignidade, estas son analizadas no laboratorio de Anatomía Patolóxica e o programa de cribado realiza unha avaliación de risco de todos os pacientes, clasifícaos de acordo a este risco e establece o seguimento adecuado para cada paciente.

 

Tumor máis frecuente na poboación
O cancro colorrectal é o tumor maligno máis frecuente na poboación. Nas mulleres é o segundo en incidencia por detrás do de mama; e nos homes é o terceiro tras o cancro de pulmón e o de próstata. En relación á mortalidade, é a segunda causa de morte por cancro tanto en homes como en mulleres e constitúe a quinta causa de mortalidade en Galicia.
 
Este tipo de cancro non produce síntomas ata que xa está moi avanzado, polo que a maior parte diagnostícanse en estadios avanzados, o que afecta á supervivencia dos pacientes xa que, aos cinco anos do diagnóstico, é do 75-90% se o cancro é detectado en fases iniciais (fase I-II) e de tan só do 15% cando é detectado en fases máis avanzadas (fase IV). A detección precoz pode diminuír a mortalidade por esta enfermidade nun 35%.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss