Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
INTENSIFÍCASE ESTA SEMANA A VACINACIÓN COVID MASIVA DA POBOACIÓN DA ÁREA SANITARIA DE FERROL NO RECINTO DE FIMO
03 05 2021

​Intensifícase a vacinación Covid na Área Sanitaria de Ferrol esta semana, na que estará activo dende mañá e cando menos ata o venres o punto de vacinación masiva no recinto de FIMO. Continúase hoxe coa vacinación de Moderna no ámbito hospitalario, e coa dos centros de saúde e domicilios coa vacina de Pfizer e Janssen; e, a partir de mañá, e ata o venres, o recinto de FIMO estará activo de xeito continuado mañá e tarde. Unha das novidades é que este xoves xa se vacina ó colectivo de 69-65 anos, pechando a primeira dose das persoas nos grupos de entre 60-65 anos.

 
Estímase protexer mañá martes só en FIMO coa vacina de Astra ó redor de 3.600 persoas de entre 60 e 65 anos. O mércores, no mesmo recinto, tamén ó redor de 3.600 persoas de entre 70 e 79 recibirán a segunda dose de Pfizer. O xoves volverase a vacinar con Astra Zéneca, e comezarase xa coas primeiras doses do colectivo de 65-69 a outras 3.600 persoas, tras pechar o de 60-65. O venres volverá a vacina Pfizer ó recinto FIMO para primeiras de 70-79 anos en máis de 3.300 persoas. É dicir, trabállase simultaneamente en administrar primeiras doses e completar o ciclo das xa administradas no seu prazo establecido.

 

En termos globais, dende o inicio da vacinación en decembro de 2020, administráronse na Área Sanitaria de Ferrol xa un total de 88.223 vacinas fronte a Covid, e 27.828 persoas teñen xa as dúas doses. Puxéronse máis de 7.600 vacinas entre na fin de semana, venres, sábado e domingo. Remarcar que tódalas accións que se realizan en relación coa vacinación están supeditadas á chegada de vacinas; e o tipo de vacina que chega, xa que estas están destinadas a un ou a outro grupo de idade. O obxectivo e ir adiantando ó máximo o proceso de protección en canto chegan as vacinas, de aí que estean en marcha distintos grupos de idade en paralelo.
 
 
A Área Sanitaria de Ferrol quere subliñar novamente o agradecemento ás persoas que están a colaborar para facer isto posible, ós e ás profesionais da Área, ós colaboradores dos Concellos, e ás persoas que optan pola súa protección e a do seu entorno ó dicir que si á vacina.

 

 
SAÚDOS,

COMUNICACIÓN ÁREA SANITARIA DE FERROL.
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss