Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
A AXENCIA GALEGA DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS E O CENTRO ASOCIADO DA UNED DA CORUÑA ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA O FOMENTO DA DOAZÓN DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS
18 05 2021
 

O edificio administrativo da Consellería de Sanidade en Santiago acolleu, esta mañá, o acto de sinatura dun novo convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e o centro asociado da UNED da Coruña, co obxectivo de promover a doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos entre os membros desta comunidade académica.

O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o director do centro asociado da UNED da Coruña, Germán Carro Fernández. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e a directora de ADOS, Marisa López García.
 
Innovadora colaboración
Este convenio supón unha innovadora e pioneira colaboración entre ADOS e o centro asociado da UNED da Coruña que, principiou recentemente, e no que a institución académica coruñesa únese ás tres universidades galegas da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, coa decidida vontade de potenciar liñas de interese común, impulso, sensibilización e promoción da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da UNED.
 

O centro asociado da UNED Coruña, ademais, conta cunha plataforma singular e longa experiencia no eido da educación a distancia e de utilización innovadora das redes sociais que, permitirá a ADOS, reforzar a información co colectivo universitario neste ámbito e achegándose a perfís de doantes de todas as franxas de idade.

Ciclo de charlas

Ambas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue entre os membros da comunidade académica da UNED, así como reforzarán outras medidas de índole educativa, tal e como sucedeu no presente curso académico coas charlas “Depende de ti”, que puideron seguirse vía online e que constou de tres charlas informativas sobre diferentes tipos de doazón: sangue, órganos e medula ósea.
 
Ademais, lembrar que no pasado curso académico un alumno da UNED resultou o gañador do V Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea cun traballo baixo o lema “Como salvar unha vida en tres pasos”, polo que tanto a UNED como ADOS continuarán promovendo a participación do seu alumnado neste certame.
 
Ampliar e rexuvenecer
ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue en Galicia para poder facer fronte aos requerimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade, cun complexo balance sociodemográfico. Deste xeito, ADOS e o centro asociado da UNED da Coruña establecerán, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea desde a comunidade universitaria.
 

Pola súa banda, o centro asociado da UNED da Coruña colaborará na difusión dos materiais educativos de ADOS, facilitando o uso das súas plataformas de comunicación, así como os recursos e programas.

Desde ADOS, ponse en valor a importancia da colaboración entre as Universidades galegas, neste caso o centro asociado da UNED da Coruña, nun período especialmente sensible como o que estamos a vivir pola pandemia sanitaria derivada da covid. As universidades galegas ratifican o seu permanente compromiso co solidario xesto da doazón de sangue e estremando todas as medidas de seguridade, facilitan, no presente curso, o acceso dos membros da comunidade académica tanto á información relacionada coa doazón de sangue como á participación nas propias campañas desenvolvidas polas unidades móbiles da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

 
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss