OS VOLUNTARIOS DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO VOLTAN AOS TRES HOSPITAIS PÚBLICOS DE OURENSE
06 09 2021

Ourense, 6 de setembro de 2021.- A actividade de voluntariado da Asociación Española contra o Cancro retorna desde hoxe aos tres hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde na provincia, onde desenvolven unha labor social e de apoio aos pacientes oncolóxicos e ás súas familias, cunha presenza e actividade constante amparada no convenio de colaboración que ambas institucións veñen de renovar.

O convenio ven de ser asinado no Hospital Universitario de Ourense entre o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, e o presidente da xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Germán Rodríguez-Saá, coa asistencia da coordinadora de voluntariado da asociación, Belén Pérez.

O convenio contempla a cesión de uso de tres salas, no Hospital Universitario de Ourense e nos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras, e regula e recolle os obxectivos das labores de voluntariado, desenvolvidas pola asociación, en prol dos enfermos oncolóxicos nos tres centros, xa que, ademais do da cidade, na nosa provincia os comarcais tamén ofertan asistencia oncolóxica, con consultas e hospitais de día, para os tratamentos de quimioterapia, algo moi pouco habitual fora de Ourense.

Por elo, a AECC conta cun despacho propio en cada centro hospitalario, dotado con liña telefónica e equipo informático, desde o que organizar a labor dos voluntarios, así como ofertar atención personalizada aos pacientes, ou desenvolver diversas actividades. Pola súa parte, a Asociación aporta o seu persoal e os e as voluntarias, responsabilizándose da súa selección e formación, ademais de equipalos e identificalos.

No caso do Hospital Universitario de Ourense a actividade e labor social da AECC estendese, ademais de aos pacientes de Oncoloxía Médica, aos de Oncoloxía Radioterápica e Hematoloxía, así coma a outros servizos responsables do tratamento multidisciplinar dos distintos tipos de cancro.

O obxectivo principal dos voluntarios e persoal da AECC nos hospitais é prestar servizos de apoio e acompañamento, orientación, apoio psicolóxico e social, contando cun programa específico de “primeiro impacto”, para axudar aos pacientes que veñen de ser diagnosticados e súas familias.

Evitar traslados aos pacientes de Verín e Valdeorras

Ourense foi a primeira provincia a nivel nacional en descentralizar o tratamento oncolóxico, por medio da creación de Hospitais de Día e consultas oncolóxicas para o tratamento quimioterapéutico dos pacientes destas bisbarras, evitando así o seu desprazamento ao hospital de referencia en Ourense

Estes tratamentos, están dispoñibles habitualmente só nos hospitais xerais, o que obriga as veces aos pacientes a longos desprazamentos, antes e despois de recibir tratamento, ou para consulta.

Con esta medida, o Servizo de Oncoloxía Médica foi o primeiro en traballar en clave de Área Sanitaria, moito antes incluso de que este modelo de xestión de coordinación de recursos se implantase nos distintos Servizos de Saúde. Con elo optouse por priorizar a coordinación interhospitalaria, con vocación de humanizar a asistencia e a calidade de vida do paciente oncolóxico, evitándolle viaxes e traslados, co obxectivo último de garantir a equidade, universalidade e accesibilidade dos cidadáns á sanidade pública, indistintamente do seu lugar de residencia.

Entre ambos comarcais atenden a unha media anual de máis de 200 pacientes, evitando así miles de desprazamentos, xa que unha das características destes tratamentos é a súa administración por ciclos. Cada ciclo está composto a súa vez por un número variable de sesións de quimioterapia, polo que a duración destes depende de cada doente e da súa evolución.


Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde