O SERGAS PARTICIPA NO PROXECTO LIFE RESYSTAL, UNHA INICIATIVA QUE SENTARÁ AS BASES PARA A ADAPTACIÓN CLIMÁTICA DE TODO O SECTOR SANITARIO EUROPEO
23 09 2021
 

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, presentou no Hospital Universitario de Ourense, o proxecto europeo Life Resystal –Climate change REsilience framework for health SYStems and hospiTALs-, que sentará as bases dunha estratexia para a adaptación climática do sector sanitario europeo.

O Sergas, a través da pilotaxe que se desenvolverá nos tres hospitais públicos de Ourense, é o único servizo de saúde de España que participa, e un dos dous europeos xunto co frances, o que afianza o posicionamento de Galicia como referente internacional en políticas comprometidas co medio ambiente. Durante os catro anos de duración do Life Resystal, os participantes teñen por obxectivo desenvolver, demostrar, avaliar e difundir un marco para promover a resiliencia ao clima e aos retos que o cambio climático supón a todos os niveis.

No Hospital Universitario de Ourense e nos públicos de Verín e Valdeorras, faranse intervencións de cara a mellorar a resiliencia das súas instalacións como, por exemplo, mediante corredores e paredes verdes, a repoboación e a plantación de árbores ou sistemas de aproveitamento de pluviais. O proxecto dará como resultado unha serie ferramentas que mellorarán a adaptación das infraestruturas. Tal e como apuntou José Flores, o obxectivo é que, en 2025, se poida trasladar en forma de estratexia a experiencia de Ourense a todas as infraestruturas sanitarias galegas.


O xerente do Sergas subliñou que Life Resystal non é un proxecto europeo máis, xa que vai supoñer un antes e un despois “para o Hospital Universitario de Ourense, para o sistema sanitario público galego e para as políticas medio ambientais europeas a desenvolver nos vindeiros anos”, dixo. Marcará –engadiu- a futura folla de ruta para os demais sistemas de saúde europeos.


Financiamento e liña estratéxica europea

O programa LIFE é o programa de financiamento europeo para o medio ambiente e a acción climática 2014-21. Neste marco, o proxecto Life Resystal recibiu unha subvención do subprograma Clima (na área prioritaria de adaptación ao cambio climático e na área política de resiliencia de infraestruturas) e conta cun orzamento total de 5.320.722 euros (55% de financiamento comunitario), sendo o Sergas o socio con maior orzamento: 1.032.293 euros.


Axenda 2030 de acción polo clima

Ao acto de presentación asistiron e participaron ademais do xerente do Sergas, o responsable e a directora de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial e Cristina Enjamio; a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; a directora de Galaria Empresa Pública de Servizos Sanitarios, Rocío Mosquera; e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén.


Este acto forma parte das accións de difusión en relación ao obxectivo 9 da Axenda 2030 (acción polo clima), ao igual que as actuacións coas que a Xunta de Galicia participa de xeito activo na Semana Global de Acción polos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable #Act4SDGs. O Goberno galego participa nesta campaña cunha ducia de iniciativas de difusión e concienciación en relación a sustentabilidade. Todas elas poden ser consultadas no mapa global de Act4SDGs o no perfil da Xunta de Galicia.

Intensa participación galega en proxecto europeos


A nivel europeo, o Servizo Galego de Saúde é xa un referente na loita contra o cambio climático. Neste percorrido responsable, o Sergas leva máis de dez anos inmerso nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario sostible e resiliente, poñendo en marcha iniciativas innovadoras que promoven a sustentabilidade.


Así, no 2019, o Sergas introduciu a Economía circular como modelo de xestión, co fin de desenvolver un marco de actuación co que reducir o impacto no medio ambiente o máximo posible, e que se engloba no plan de actuación mundial iniciado, en 2015, coa Axenda 2030 que coordina Nacións Unidas. Asemade, desde hai dous anos, o Sergas forma parte da rede global “Green and Healthy Hospitals e Health Care Without Harm” e, o pasado decembro, coincidindo co quinto aniversario do desafío climático, do acordo de París e da posta en marcha da Axenda 2030, o Sergas foi galardoado con dous premios de ouro en liderado e resiliencia climática na atención sanitaria.


O xerente do Sergas, José Flores, destacou o convencemento de que o sistema sanitario galego está no camiño correcto, que continúa, este ano 2021, coa adhesión ao proxecto europeo Race to Zero das Nacións Unidas que busca reducir, en dez anos, as emisións de carbono un 60% de todas as súas instalacións sanitarias. Así mesmo, desde o pasado mes de xullo é socio oficial da New European Bauhaus.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde