Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
A XUNTA PUBLICA NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA O DECRETO EXPROPIATORIO PARA A CONSTRUCIÓN DA NOVA VÍA DE ACCESO AO HOSPITAL PÚBLICO GRAN MONTECELO, EN PONTEVEDRA
11 10 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o decreto polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto de construción da nova vía que dará servizo ao Hospital Público Gran Montecelo, no concello de Pontevedra.

O Consello da Xunta aprobou a semana pasada o decreto que declara a urxencia para a ocupación das 85 fincas necesarias para a construción desta vía, que suporá un investimento de máis de 1,7 millóns de euros, incluídas as expropiacións. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/3AvoypK

A execución da vía enmárcase no convenio entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Pontevedra para a ampliación do complexo hospitalario, que establece que a Administración local financiará as obras, cun orzamento de case 1,4 millóns de euros e a Xunta asumirá o custo das expropiacións, cun importe de preto de 386.000 euros.

O Goberno galego prevé realizar neste outono a convocatoria para o levantamento de actas de previas e de ocupación.

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra asumirá a licitación e a execución das obras.

Neste sentido, a Xunta aprobou o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o Concello comprometeuse a asumir os gastos para dotar a parcela dos accesos rodados e peonís, de abastecemento de auga, saneamento ou subministración eléctrica.

Características técnicas

O obxectivo da nova vía, de 830 metros de lonxitude, é dar servizo e circunvalar o hospital Gran Montecelo.
 
A vía terá inicio e final na actual avenida de Montecelo que dá acceso ao hospital e contará con catro glorietas, unha ao comezo, outra ao final e dúas intermedias.
 
A estrada proxéctase como unha vía de calzada única con dous carrís, un por sentido de 3,30 metros de anchura cada un, e beirarrúas a ambos os dous lados.
 
O proxecto prevé a limitación da velocidade do percorrido a 30 km/ hora, con pasos de peóns elevados.
 
Hospital Público Gran Montecelo
A execución desta nova vía enmárcase nas obras do Hospital Público Gran Montecelo que está a acometer a Xunta, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de 134 millóns de euros.
 
As obras nas que está a avanzar a Xunta consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.
 
O novo edificio, que ocupará unha superficie superior os 12.500 metros cadrados, estará composto por un primeiro volume distribuído en dúas edificacións, que actuará como base dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.
 
O proxecto recolle a construción dunha zona de basamento distribuída en dous edificios de cinco andares.
 
Así, proxéctase un edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas que engloban os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro onde se ubicarán as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss