Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O SERGAS INICIA O NOVO CICLO DE CONFERENCIAS SOBRE BENESTAR EMOCIONAL DIRIXIDAS AO PERSOAL DA SANIDADE
13 10 2021

O Servizo Galego de Saúde inicia hoxe, ás 18:30 horas, o novo ciclo de conferencias no marco do “Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Sergas na Pandemia de covid-19”, que versarán sobre distintas temáticas relacionadas co autocoidado e benestar emocional.

Nesta ocasión, o encargado da conferencia que leva por título “Os 5 segredos para desfacerte do estrés”, será Daniel Álvarez Lamas, conferenciante nacional e internacional que escribiu varios libros a partires da súa experiencia co coaching de vida, os equipos e a comunicación.

No transcurso desta sesión, que será emitida en directo pola canle de Youtube de ACIS, coñeceremos que é posible a exposición a situacións de alta exixencia e non desenvolver tensión ou estrés, sempre que cada persoa coñeza o seu talón de Aquiles emocional e as cinco claves para xestionar o estrés. Así mesmo, explicarase como a saúde emocional é un aspecto clave para dar o mellor desde a nosa mellor versión.

A esta conferencia sumaranse outras tres que tratarán sobre liderado e equipos saudables, resiliencia e felicidade e a autorregulación emocional. Este novo ciclo, programado ata decembro deste ano, está dirixido aos 44.000 traballadores e traballadoras do Sergas e entidades adscritas.

Ademais, na primeira quincena de xaneiro de 2022 e co obxectivo de continuar “Coidando o noso benestar emocional” e afondar nos coñecementos adquiridos nestas conferencias, están programados catro cursos derivados das mesmas na modalidade de autoformación que estarán a disposición dos profesionais da nosa organización sanitaria.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss