Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O SERGAS IMPULSA O PRIMEIRO ENSAIO CLÍNICO CON MEDICAMENTOS CAR-T EN GALICIA
13 10 2021

​O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol; e a xerente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, Rocío Mosquera, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para impulsar o primeiro ensaio clínico con medicamentos CAR-T de Galicia. Na sinatura tamén estivo presente o xerente do Sergas, José Flores Arias.

Grazas a este acordo, o departamento sanitario galego e o Hospital Clínic traballarán xuntos nun ensaio clínico pioneiro na nosa comunidade, que se desenvolverá nunha primeira etapa no Hospital Clínico Universitario de Santiago, e que ten como obxectivo estenderse a outros centros asistenciais da comunidade.

Tal e como destacou García Comesaña no acto, con esta sinatura séntanse as bases para desenvolver o primeiro ensaio clínico dunha terapia CAR-T en Galicia para tratar cancros oncohematolóxicos. Apostamos, polo tanto, por esta nova xeración de fármacos de inmunoterapia avanzada no que significa un chanzo importante na atención personalizada a estes pacientes, -sinalou o conselleiro-.

Esta terapia, na que o colaborador do Sergas neste convenio é especialista e pioneiro en Europa, sérvese de medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unha taxa de resposta do 80%, e pode conseguir que o sistema inmune do paciente recupere, mediante técnicas de modificación xenética, a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais. Neste senso, a propia American Society of  Clinical Oncology recoñeceu o alto potencial das terapias CAR-T como “avance do ano”.

Ao respecto, o director xeral do Hospital Clínic de Barcelona, Josep María Campistol, gabou a aposta da Xunta por avanzar nestes tratamentos innovadores e o desenvolvemento do futuro Centro de Produción de Medicamentos  CAR-T de Galicia; relatando a súa experiencia en ensaios clínicos pioneiros na materia e amosando o seu compromiso a traballar xuntos a partir deste convenio.

O conselleiro de Sanidade indicou que, grazas a este convenio, dase un paso máis na nosa aposta por situar a Galicia na vangarda da investigación e da produción de tratamentos avanzados; esforzos que se plasmaran na posta en marcha do Centro de Produción de Medicamentos CAR-T, que segundo as súas previsión ultimará a súa posta en marcha no primeiro semestre de 2022.
 
O centro, emprazado en Santiago de Compostela en virtude do acordo asinado coa Universidade de Santiago o pasado mes de maio, contará tamén cunha Unidade de Investigación que levará a cabo proxectos que permitan o impulso de novas terapias celulares, que serán elaboradas no centro de fabricación e, posteriormente, aplicadas aos pacientes do sistema sanitario público.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss