Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
A CONSELLERÍA DE SANIDADE AVANZA EN TRAER A GALICIA UN CENTRO DE PROTONTERAPIA, A RADIOTERAPIA MÁIS SEGURA E DE MAIOR PRECISIÓN
20 10 2021
 

A  protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que utiliza un feixe de protóns que permiten maior precisión ao impartir a dose de radiación, diminuíndo os efectos adversos en tecidos e órganos sans que rodean o tumor. O Servizo Galego de Saúde vén de asinar co Ministerio de Sanidade un convenio que permite axilizar os procesos e implantar en Galicia, a medio prazo, un centro de protonterapia que atenda especialmente as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivenvia, sobre todo na poboación infantil.

A protonterapia demostrou unha alta eficacia e maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns. É unha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa os tratamentos, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. A protonterapia reduce de forma significativa tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción.

A diferenza da radiación de fotóns tradicional, que usa raios X para atacar o tumor, pero que aplica radiación en tecido san, a terapia de protóns é un tratamento que dirixe protóns cargados positivamente ao tumor, onde depositan a maior parte da dose de radiación. Con esta terapia, a radiación residual é mínima, o que reduce potencialmente os efectos secundarios e o dano ao tecido circundante.

Cobertura

O convenio esténdese tamén a outras comunidades autónomas, como Andalucía Madrid, Valencia, País Vasco e Canarias, a fin de cubrir un amplo espectro xeográfico e asistencial do Sistema Nacional de Saúde. No proceso de implantación colabora tamén a Fundación Amancio Ortega. A previsión pasa por considerar tamén un plan de cobertura que a medio prazo inclúa novas indicacións, actividades de investigación clínica e desenvolvemento tecnolóxico en protonterapia. A instalación de varios equipos de radioterapia con protóns, situados estratexicamente no territorio nacional en centros dependentes do sistema sanitario público, permitirá dar cobertura aos pacientes da sanidade pública necesitados destes tratamentos.

Prioridade estratéxica para a Xunta

A instalación desta tecnoloxía xa era unha prioridade estratéxica para a Xunta de Galicia dende hai tempo, como o demostra que, xa no mes de marzo, anunciouse a súa inclusión entre os proxectos prioritarios da candidatura galega aos fondos Next Generation.

Durante este último ano, a Consellería de Sanidade estivo levando a cabo un “Estudo para a implantación da técnica de protonterapia en Galicia”, no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería e o Sistema Universitario de Galicia (SUG). Neste informe reuniuse e analizouse a información actualizada existente sobre solucións técnicas e operativas que permitan abordar a implantación dun centro de protonterapia para toda Galicia. Neste senso, achegouse información sobre o estado da tecnoloxía en equipamentos comerciais empregados en protonterapia no mundo, a avaliación de necesidades e a mellor solución para equipar un centro para Galicia e rexións limítrofes, así como a definición dun proxecto básico para abordar a implementación do devandito centro.

A localización prevista, aínda por definir, está vinculada a un dos principais centros hospitalarios de Galicia. Teranse en conta criterios técnicos como a dispoñibilidade de terreo para a instalación do centro, a facilidade de acceso e optimización de tempos de desprazamento de pacientes, a integración con recursos sanitarios relacionados existentes, etc.

 

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss