Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
XUNTA E CONCELLO DE CANGAS DIALOGAN PARA AXILIZAR A CONSTRUCIÓN DUNHA NOVA INFRAESTRUTURA SANITARIA
23 11 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa do concello de Cangas do Morrazo, Victoria Portas, mantiveron esta mañá unha reunión para avanzar no proxecto de construción dunha nova infraestrutura sanitaria na localidade.
 
Na xuntanza, na que tamén participaron a Delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; diferentes cargos do Sergas, entre eles o responsable do servizo de atención primaria de Cangas do Morrazo, e os voceiros dos distintos grupos políticos con representación na corporación municipal, a Xunta trasladou ao concello de Cangas do Morrazo a necesidade dunha parcela cunha edificabilidade acorde ao establecido no Plan de necesidades para a poboación da área do Morrazo dos concellos de Cangas e Moaña realizado no ano 2018.
 
Deste estudo participativo saíu un primeiro Plan Funcional para a construción dunha nova infraestrutura sanitaria que permitira o acceso da poboación a todos os servizos en tempos menores a 10 minutos así como a maior confortabilidade e humanización dos espazos.
 
Na actualidade, estase a revisar e a adaptar o Plan Funcional e de espazos, para posteriormente, trasladar esta información á rexedora canguesa.
 
Segundo o plan, este novo centro contaría cun PAC, radioloxía dixital, laboratorio de parámetros básicos, área de telemedicina e imaxe médica avanzada, área integral de rehabilitación, área integral de odontoloxía e saúde bucodental, área integral de atención á muller, área integral de farmacia, área integral de especialidades médicas, área integral de saúde mental, área de formación e docencia, espazo para asociacións de pacientes, e non se descarta que haxa un hospital de nefroloxía para que se poida facer diálise.
 
Iso suporía incorporar recursos asistenciais actualmente non existentes no centro de saúde de Cangas como a rehabilitación cardíaca e de solo pélvico, a base do 061, o laboratorio, as áreas de alta resolución de enfermería, de técnicas especiais cirúrxicas, de ecografía ou de preparación de consulta hospitalaria.
 
Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria
A reunión prodúcese en resposta á carta enviada polo conselleiro de Sanidade a comezos deste mes á alcaldesa de Cangas, para activar o proxecto de construción deste novos centro contemplado na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta.  Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, na misiva solicitouse do concello a pronta achega  dunha parcela viable para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento do novo centro.
 
Nese sentido, o conselleiro ofreceulles aos representantes municipais a colaboración do persoal técnico dos servizos de obras do Sergas para axudar na localización do terreo axeitado, coa total disposición para visitar e avaliar aquelas parcelas que os concellos consideren e determinar se cumpren ou non coas necesidades requiridas desde o punto de vista técnico.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss