Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
NACE NEMECUM, O PRIMEIRO BUSCADOR WEB CON TODAS As FÓRMULAS DE NUTRICIÓN ENTERAL, ORAL E LACTACIÓN ARTIFICIAL DISPOÑIBLE EN ESPAÑA
24 11 2021

Santiago, 24 de novembro de 2021.- Xa está dispoñible en España o primeiro buscador web con todas as fórmulas de nutrición enteral, oral e lactación artificial. Baixo o nome de NEmecum (http://nemecum.com), esta ferramenta dixital, deseñada polo Servizo de Farmacia da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, en colaboración co Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), xorde para axudar aos profesionais sanitarios implicados na nutrición artificial na prescrición de nutrición e lactación artificial e faino como web convertible en app de acceso libre e gratuíto que permite comparar máis de 800 fórmulas e 31.000 parámetros distintos.

 

 
“Esperamos que estes números vaian crecendo nos próximos meses xa que se trata dun recurso dinámico que se irá actualizando e ampliando periodicamente. Actualmente está dispoñible xa o módulo de nutrición enteral e traballamos coa previsión de finais de ano para implementar o de lactación artificial”, explica Iria Varela, residente de cuarto ano de Farmacia Hospitalaria no CHUS. Pola súa banda a Dra. Varela destaca que NEmecum supón unha revolución na consulta e personalización das fórmulas de nutrición dispoñibles no mercado ao ser a primeira ferramenta dixital creada para este uso. “É un recurso dixital que se irá adaptando ás necesidades dos profesionais sanitarios e que se actualizará cada seis meses para manter sempre uns resultados de procura fiables e precisos”, comenta.
 
Desde o grupo de farmacia do CHUS destacan tamén que NEmecum está destinado a persoal sanitario, principalmente a farmacéuticos de hospital e atención primaria e a facultativos prescritores de fórmulas de nutrición e lactación artificial. “Tamén pode ser unha ferramenta de consulta útil para enfermeiros e técnicos de farmacia, así como para persoal da industria farmacéutica”, subliña Anxo Fernández Ferreiro, farmacéutico especialista da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia.
 
Esta ferramenta dixital foi probada e avaliada por diferentes sociedades científicas, tendo actualmente o aval científico de: a Asociación de Enfermeiras de Nutrición e Dietética (AdENyD), a Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH), a Sociedade Galega de Medicina Intensiva e Unidades Coronarias (SOGAMIUC), a Asociación de Médicos Galegos (ASOMEGA), o Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia da Coruña (COFC) e a Sociedade Galega de Endocrinoloxía e Nutrición (SGENM).
 
Cara á medicina personalizada no campo da nutrición

 

“A integración de todas as nutricións dispoñibles en España e o sistema personalizado de procura nesta nova ferramenta dixital supoñen un importante paso na implementación da medicina personalizada no campo da nutrición” destaca Anxo Fernández Ferreiro,  farmacéutico compostelá. Para poñer en marcha esta web, deseñouse unha base de datos cos principais ítems que se consideraron relevantes á hora de escoller unha determinada fórmula de nutrición, parámetros que foron seleccionados en consenso co Servizo de Endocrinoloxía e Pediatría do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, incluíndo información detallada de cada fórmula. Esta ferramenta conta con bases de datos diferenciadas entre a parte de fórmulas de nutrición enteral/oral e a de fórmulas de lactación artificial.

 

 
No primeiro bloque, o de nutrición enteral e oral, establecéronse catro grupos: fórmulas de adultos, de pediatría, metabolopatías e módulos. En cada un pódese realizar unha procura por filtros cualitativos e cuantitativos. Ademais, en todos pódese filtrar por alérxenos (incluídos os 14 de declaración obrigatoria: proteína de leite, glute, ovo, froitos secos, peixe, crustáceos, cacahuetes, moluscos, sulfitos, sésamo, soia, altramuces, apio e mostaza) e por sabores (agrupados en 11 grupos: café, carne, cereais, chocolate, froitas, doces, peixe, vainilla, verduras, neutro e packs multisabor).
 
O esquema da procura cualitativa deseñouse de forma distinta en diferentes grupos. Nos dous primeiros (adultos e pediatría) foi o mesmo. Nestes, permítese seleccionar as fórmulas en función da cantidade de calorías (hipercalóricas, normocalóricas ou hipocalóricas), proteínas (hiperproteicas, normoproteicas ou hipoproteicas) e fibra (con ou sen fibra). Permite tamén filtrar pola indicación específica da fórmula, incluíndose 11 indicacións distintas (paciente oncolóxico, paciente diabético, paciente cirúrxico, malabsorción, disfaxia, disfunción pulmonar, insuficiencia renal, obesidade, paciente fráxil, enfermidade inflamatoria intestinal e paciente crítico). No grupo de metabolopatías, estableceuse como filtro principal da parte cualitativa a enfermidade metabólica para que a que vai destinada a nutrición. No grupo de módulos, a procura cualitativa permite seleccionar os diferentes produtos en función do nutriente que achegan. No que respecta á procura cuantitativa, a web permite filtrar por cantidades específicas de proteínas, calorías, hidratos de carbono, azucres, lípidos, calorías non proteicas por gramo de nitróxeno e osmolaridade; permitindo seleccionar as cantidades por envase total ou gramo/ mililitro.
 
No segundo bloque, o de fórmulas de lactación artificial, incluíronse como principais filtros a idade (prematuros, leite de inicio, leite de continuación, leite de crecemento) e a indicación (estándar, problemas menores, alerxia a proteínas de leite de vaca, intolerancia á lactosa). Da mesma forma que o bloque anterior, tamén se pode filtrar por alérxenos (incluíndo os 14 de declaración obrigatoria).
 
Procuras por nome da fórmula e acceso ás súas características principais
Esta ferramenta permite tamén realizar procuras polo nome da fórmula e consultar as súas características principais. Lanza como resultados todas as fórmulas que inclúen as características preseleccionadas e permite visualizalas todas ou agrupadas por laboratorio, permitindo ter unha visión comparativa de todas as fórmulas que cumpren os criterios de procura. Dentro de cada fórmula que se mostra como resultado tras unha procura específica, pódese consultar tamén outra información relevante como: a presentación comercializada, a vía de administración, o sabor, o laboratorio que as comercializa, o estado de financiamento polo Sistema Nacional de Saúde, a composición cuantitativa de macronutrientes, a osmolaridad, a presenza de alérxenos de declaración obrigatoria, a composición cualitativa da fórmula e a imaxe da presentación. Ademais, a ferramenta permite crear perfís de centros, nos que, preseleccionando as fórmulas que se teñan en stock, pódese acoutar os resultados das procuras ás dispoñibles nesa institución. Actualmente, xa hai 20 centros que poden empregar esta opción.
 

 

Saúdos,

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss