SANIDADE REFORZARÁ O PAPEL DA DOCENCIA CUNHA NOVA REGULACIÓN MÁIS COMPLETA
11 12 2021

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana Comesaña Álvarez; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; e as xefaturas de estudo das Comisións docentes de atención hospitalaria e Atención Familiar e Comunitaria das áreas sanitarias galegas; ademais de representantes da área de docencia de Povisa, veñen de manter unha reunión co obxecto de analizar o texto do proxecto de Decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada de Galicia.
 
O pasado 29 de novembro, a Consellería de Sanidade publicou no Portal de Transparencia e goberno aberto, o proxecto de Decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade, abrindo o prazo para que os interesados enviasen as achegas que estimasen axeitadas para establecer as medidas, mecanismos e estruturas docentes precisas para a formación dos especialistas médicos ou residentes.
 
Conformado por 57 artigos, distribuídos en 8 capítulos, o texto conta con 3 disposicións adicionais, 3 transitorias e 1 derrogativa. O novo texto normativo tratará de promover ao persoal médico mozo como titores con prazas con perfil docente, o acceso á carreira con redución de tramos, o tempo de docencia na xornadas, o recoñecemento dun  complemento retributivo ou o apoio nas estruturas das institucións con persoal técnico dedicado á xestión da docencia.
 
Na actualidade, en Galicia hai 1.676 profesionais médicos e de enfermaría en formación (MIR e EIR), grazas á actividade docente que levan a cabo os titores e titoras nos centros sanitarios galegos, un labor que con esta norma se quere reforzar.
 
A normativa conta cun triplo obxectivo: regular e harmonizar o labor docente na formación dos especialistas médicos e residentes; optimizar a calidade no proceso de formación especializada, e incrementar o número de facultativos na sanidade galega.
 
O actual proxecto de Decreto convertirase no primeiro texto normativo que, desde o ámbito competencial autonómico, definirá as estruturas sanitarias docentes; regulará os órganos docentes colexiados e unipersoais, e o procedemento para autorizar as rotacións externas e as estancias formativas de persoas estranxeiras.
 
Tamén recolle os criterios do procedemento de supervisión dos especialistas en formación e a asunción progresiva de responsabilidades por parte dos residentes; a promoción da formación en competencias transversais; o establecemento de normas sobre o control da calidade; así como a regulación dos Plans de xestión da calidade docente, e o funcionamento da Rede de comisións de docencia de Galicia (REDEGA).
 
Cómpre destacar que esta norma incide na posta valor da figura dos titores e dos xefes de estudos. Así, consolidará o establecemento de medidas que xa se están a aplicar en Galicia, como é o recoñecemento en baremos -a efectos da carreira profesional, concursos de traslados ou procedementos similares-, do exercicio das titorías ou o desempeño das xefaturas de estudio ou de outras figuras de colaboración na docencia.
 
Ademais, Galicia solicitoulle ao Ministerio  de Sanidade que revise os programas formativos de grao e de especialidade para que a Medicina familiar e comunitaria teña maior presenza e peso, de acordo a súa importancia. Entre as peticións da Xunta ao Goberno central tamén se atopa a  reforma do sistema de acreditación de prazas para a súa modernización, ademais da solicitude dunha convocatoria extraordinaria de prazas  facultativas, para facer fronte ao déficit de persoal médico co que conta o sistema sanitario.
 
No transcurso da Xuntanza, os responsables sanitarios tamén abordaron a instalación do aplicativo FEGAS no conxunto das áreas sanitarias galegas, os avances acadados no desenvolvemento do aplicativo SAVAR, así como o cronograma dos cursos de teleformación do Programa de formación complementaria.
 
Máis de 60 millóns de euros para a formación de novos profesionais
A formación de especialistas en Ciencias da Saúde é un obxectivo prioritario para Administración galega, que destinará 61,7 millóns de euros á formación sanitaria especializada durante o ano 2022.
 
Así, este proxecto coincide no tempo co maior número de prazas ofertadas nas convocatorias feitas en Galicia até o momento, con 543 prazas nas probas do 2021. Unha cifra que supuxo un incremento de 52 prazas respecto da oferta final da anterior convocatoria.
 
Ademais, Galicia convocou o 100% das prazas acreditadas en Galicia para médicos de familia e pediatras, e ampliou en nove, as prazas de formación na especialidade de enfermería familiar y comunitaria.
 
Todas estas iniciativas inciden na necesidade de regular e homoxeneizar a organización da docencia sanitaria especializada, co obxecto de resolver a escaseza de facultativos actual. Así, estas actuacións engádense ás reiteradas solicitudes do Executivo galego ao Goberno central de suprimir a taxa de reposición; a realización dunha convocatoria extraordinaria de prazas MIR ou, a creación da especialidade de medicina de urxencias.

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde