Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
COMEZA A FUNCIONAR XIDE NOS CENTROS DE SAÚDE DE AS PONTES E DE PONTEDEUME
08 04 2022

​O proxecto XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) comezou a funcionar esta semana nos centros de saúde de As Pontes e en Pontedeume, primeiros centros da Área en incorporalo. Este é un proxecto para optimizar a xestión das citas a demanda en atención primaria mediante o que tódolos profesionais do Equipo participan de xeito interdisciplinar, e dentro do seu marco competencial, para dar resposta ó motivo de consulta ou demanda da cidadanía. Ofrece unha solución máis integral á demanda expresada.

As vantaxes para a cidadanía son que se evitan citación intermedias e innecesarias; e, para os profesionais, que fomenta o traballo en equipo e co desenvolvemento máximo de cada unha das competencias asistenciais dun xeito más resolutivo. Como remarcaba o responsable do departamento sanitario da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, trala pilotaxe do sistema en outros centros de saúde de Galicia, o obxectivo “é axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas. XIDE indica un camiño directo cara á consulta que máis se axusta á necesidade do paciente”.


Funcionamento, traballo en equipo multidisciplinar

Trátase dun sistema deseñado polos propios profesionais -un grupo de máis de 50 dos ámbitos de medicina de familia, enfermería, Persoal de Servizos Xerais (PSX), matronas, odontoloxía, hixiene bucodental e traballo social- que axuda ó persoal administrativo a orientar ó paciente cara ó profesional que mellor pode resolver a súa demanda. O persoal administrativo obtén información acerca do tipo de demanda do paciente e a rexistra mediante preguntas pechadas elaboradas en consenso, por exemplo, a primeira e clave: cal é o motivo da súa consulta?
 
Deste xeito, e en base os criterios aplicables establecidos polos propios profesionais e estruturados en máis de 500 items diferenciados (dor, febre...), o persoal administrativo a través do aplicativo encamiña xa esa demanda ó ámbito más axeitado tanto en tempo, como modalidade de atención e o tipo de profesional ou profesionais máis indicado. Garántese que a asignación dunha cita sempre se realiza en tempo e forma e baixo os mesmos criterios, aforrando pasos que nalgún caso poden ser innecesarios, como unha consulta intermedia cun profesional que non vai resolver o motivo de consulta.
 
Pilotaxe previa, aplicación en base á experiencia
 
Para activar este programa, o Sergas partía da base de que “ó redor do 50% das consultas non programadas que entran cada día nun centro de saúde non requiren necesariamente a intervención dun médico; que case un 30% poden ser atendidas de xeito directo por persoal de enfermaría e outro 15% por categorías como, entre outras, o farmacéutico de atención primaria, o traballador social, o odontólogo ou o propio persoal administrativo”. Organízase o Servizo en base a novas carteiras de servizos das categorías que foi aprobando o Consello Técnico de Atención Primaria e cos Plans Locais de Saúde.

Tamén detectou a pilotaxe deste programa que máis da metade das demandas que entran sen previo aviso no centro de saúde non necesitan dunha resposta inmediata ou no día, senón que poden ser programadas no próximo oco dispoñible do profesional. Outro dos resultados da pilotaxe foi a comprobación de que os primeiros postos entre os motivos de consulta para o persoal médico eran actos sanitarios cun carácter máis burocrático, como a xestión dalgunhas incapacidades temporais ou a elaboración de informes médicos ou automatizables, co que encamiñando ese tipo de demandas, modúlanse os tempos para poder orientalos ás demandas de asistencia necesaria.

 

Saúdos de Comunicación da ÁREA SANITARIA DE FERROL do SERGAS.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss