Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade Servizo Galego de Saúde Sala de comunicación
O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA A XENEROSIDADE DA POBOACIÓN GALEGA COA DOAZÓN DE SANGUE E LEMBRA A NECESIDADE DE PARTICIPAR NAS CAMPAÑAS DE DOAZÓN
16 04 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, doou esta mañá sangue no Hospital Nicolás Peña de Vigo. O titular de Sanidade salientou a necesidade de doar sangue e apelou ao altruísmo e xenerosidade da poboación galega para que doen. Así, remarcou a excelente resposta da cidadanía galega, sempre disposta a colaborar para acadar a cifra de entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias, o que posibilita o axeitado desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais da nosa comunidade.
 
Todos os cidadáns que desexen doar sangue pódeno facer nos locais permanentes de doazón das sete grandes cidades galegas, ou ben, nalgunha das dez unidades móbiles que se desprazan, ao longo da semana,  a máis de corenta concellos  de Galicia.
 
Campañas informativas
A Consellería de Sanidade subliña que a Axencia de Doazón de  Órganos e Sangue leva a cabo, durante todo o ano, diversas campañas de información e sensibilización destinadas a promover as diferentes formas de doazón, polo que invita a cidadanía, empresas, institucións e os diferentes colectivos dos distintos ámbitos da sociedade galega a levar a cabo iniciativas destinadas ao fomento dunha conciencia solidaria e  xenerosa cara a doazón de sangue.
 
Para este fin, a cidadanía dispón da web, ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información gratuíto 900 100 828; e as súas páxinas en redes sociais como forma de comunicarse con ADOS, ou ben para resolver calquera dúbida que teña que ver coa doazón.

 

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde
Internet e ti | Contacte
rss