GALICIA NECESITA SANGUE DOS GRUPOS A POSITIVO, 0 NEGATIVO E 0 POSITIVO E SOLICÍTASE A COLABORACIÓN DA CIDADANÍA
11 05 2022

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realiza un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes A Positivo, 0 Positivo e 0 negativo. As reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS. Cómpre lembrar que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias.

En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En determinadas épocas do ano pode baixar o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de toda a cidadanía, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue.
 
Ademais, as distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.
 
ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamentos:
 
 
DATA
CONCELLOS
Mércores 11 de maio
Pontedeume, CARREFOUR Los Rosales , Riazor e Residencia Universitaria Teniente Xeneral Barroso (A Coruña), Praza Roxa (Santiago), CELTIC ESTORES (Moraña), Soutelo e Forcarei, Rúa Príncipe (Vigo), Chapela (Redondela), Praza Maior (Lugo), Guardia Civil (Ourense), Cenlle, San Amaro
Xoves 12 de maio
Cedeira, Acuart. de Atocha e Peruleiro (A Coruña), Curtis, FRINSA (Ribeira), Fundación Foltra (Teo), Ribadumia, Porriño, Rúa Príncipe (Vigo), Chantada, Lalín
Venres 13 de maio
Perlío (Fene), APPlUS+ (Sada), Sada, Arteixo, Praza Conchiñas (A Coruña), Noia, Brión, Vilagarcía, Ponteareas, Cabral (Vigo), Viveiro, Xinzo de Limia
Sábado 14 de maio
Arteixo, Noia, Vilagarcía, Ponteareas , Becerreá
 
Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:
 
 
CENTRO
HORARIO
HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábado das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑA
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábado das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROL
Luns das 15.00 ás 22.00 horas
Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas
Venres das 8.00 ás 22.00 horas
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGO
Luns e venres das 15.00 ás 22.00 horas
Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE
Luns e venres das 15:00 ás 22:00 horas
Martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas
HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA
Luns e venres de 8.00 ás 15.00 horas

HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGO
Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas
Sábados das 8.00 ás 15.00 horas
 

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.
 
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde