O 061 DE GALICIA ASISTIU 58 PERSOAS POR 49 ACCIDENTES DE CIRCULACIÓN DURANTE A FIN DE SEMANA
30 05 2022
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 58 persoas debido a 49 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 27 de maio, ata as 23,59 horas do domingo, 29 de maio. O domingo foi o día que rexistrou máis sinistros, con 18 accidentes de tráfico.
 
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 65 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 49 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 58 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 57% e do 43% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 25% dos atendidos tiña entre 45 e 59 anos.
 
Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 23 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Provincia
Accidentes
A Coruña
15
Lugo
6
Ourense
5
Pontevedra
23
Galicia
49
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 62. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en cinco accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu en dous sinistros, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 50 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.
 
En 43 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 14 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.
 

 

 
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde