O SERGAS CONTARÁ CUN PORTAL DA INVESTIGACIÓN DO SISTEMA GALEGO DE SAÚDE PARA DAR VISIBILIDADE
16 06 2022

O Sergas contará cun portal web da Investigación do Sistema Galego de Saúde, que recolla e dea visibilidade aos resultados das súas diferentes actividades científicas e incremente, deste xeito, o seu impacto. Esta é unha das finalidades do convenio de colaboración entre Universidade de La Rioja, Fundación Dialnet, Consellería de Sanidade, Sergas e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), que autoriza o Consello da Xunta, para o desenvolvemento do Proxecto Dialnet Portal da Investigación. O orzamento para participar neste convenio é de 60.000 euros divididos entre os anos 2022 e 2025.

O obxectivo do Proxecto Dialnet Portal da Investigación é potenciar unha infraestrutura tecnolóxica que permita o desenvolvemento de portais web, nun contorno colaborativo a nivel nacional, para que as universidades e institucións que realicen actividades de I+D+i poidan presentar e facilitar o acceso aos resultados das súas investigacións. Está fundamentado nun modelo de base de datos de produción científica única e compartida polas institucións participantes, e busca evitar duplicidades de traballos, mellorando a calidade dos datos.

No caso concreto da web da Investigación do Sistema Galego de Saúde, quérese poñer en marcha unha ferramenta innovadora para xestionar, de maneira integral, a investigación actual e futura do Sistema Galego de Saúde, incorporando tecnoloxías de enriquecemento de datos e intelixencia artificial, que se compartirán co resto dos participantes.

O Proxecto Dialnet Portal da Investigación xorde da necesidade de fomentar a cooperación interinstitucional nun entorno de cooperación bibliotecaria. Isto resulta máis eficaz e máis eficiente que o traballo realizado de xeito independente por cada institución, xa que, os esforzos materiais e humanos que se requiren no seu conxunto son inferiores aos que debería realizar cada institución individualmente para acadar un resultado similar e, polo tanto, resulta máis sustentable.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde