XUNTA E CONCELLO DA BAÑA MELLORARÁN OS PECHAMENTOS E A EFICIENCIA ENERXÉTICA DO CENTRO DE SAÚDE DA LOCALIDADE
22 06 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; asinaron está mañá un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade, entre as que destacan a substitución das luminarias existentes, de tipo incandescente ou fluorescente, por novas luminarias LED, máis eficientes e con menor consumo e a limpeza da fachada exterior mediante equipo de lanza de auga e a revisión da cuberta. Esta reforma ten por obxectivo reducir o consumo eléctrico no edificio; reducindo tamén a contaminación ambiental asociada á xeración de electricidade.
 
No acto estiveron acompañados pola xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez.
 
Este acordo tramitouse tomando como base unha memoria arquitectónica achegada polo alcalde da Baña o pasado novembro, despois de manter unha reunión co conselleiro na que lle garantiu o apoio para abordar esta reforma.
 
Segundo a devandita memoria, as obras a executar terán un importe total de 47.980 euros, correspondendo á substitución de luminarias existentes por unha tipo led, á limpeza de fachada exterior e a revisión da cuberta.
 
O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio co tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde da Baña contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.
 
Ademais, lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde da Baña nos últimos anos pois, froito do investimento de 8 millóns de euros en equipamento, derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un electrocardiógrafo e un espirómetro por un importe total de 5.929 euros.
 
Colaboración da Xunta cos centros de saúde de titularidade municipal
A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
 
Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. En particular, na provincia da Coruña financiáronse actuacións nos centros de saúde dos concellos Bergondo, Monfero, Pobra do Caramiñal ou Valdoviño.
 
A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal.  Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.
 
No orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2007 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia da Coruña ascendeu a 3,7 millóns de euros. Concretamente, o Concello da Baña recibe 19.911 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.
 
En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén colabora cofinanciando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes. 

 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde