O CENTRO DE VIGO DO GRUPO STELLANTIS AMOSA A SÚA SOLIDARIEDADE ALCANZANDO AS 71.081 DOAZÓNS DE SANGUE ACUMULADAS DENDE O ANO 1995
27 07 2022

A terceira campaña de doazón de sangue que este ano levou a cabo a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), nas instalacións que o grupo de automoción Stellantis  posúe na cidade de Vigo, e que tivo lugar na segunda quincena do mes de xullo, finalizou cun notable resultado de 645 traballadoras e traballadores que doaron sangue e que significa lograr unha participación de 71.081 doazóns dende o ano 1995.

No que vai do presente ano, ADOS realizou tres campañas de doazón no Centro Vigués do Grupo Stellantis, acumulando en total 1.608 doazóns de sangue. Neste aspecto, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere poñer en valor a participación dun dos principais centros de referencia do tecido produtivo galego que, dende sempre, amosou o seu compromiso con Galicia e co xeneroso xesto da doazón tanto do sangue como de órganos.

Traxectoria altruísta

Hai 27 anos, o Centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas dende a Consellería de Sanidade e que, na actualidade, afianzan a esta factoría como un referente no ámbito estatal, converténdose na empresa española con maior número de doazóns de sangue. 

Salientar que grazas a xenerosidade dos 645 profesionais da compañía viguesa que doaron sangue nesta terceira campaña promovida por ADOS, poderán realizarse, por exemplo, mais de 320 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 130 enfermos oncolóxicos.

Concienciación e participación

ADOS quere poñer en valor a implicación e compromiso do Centro vigués do Grupo Stellantis coa realización das campañas de doazón de sangue que teñen permitido que, nestes últimos 27 anos, a empresa de Vigo sume unha cifra superior ás 71.000 doazóns que a colocan nun lugar sobranceiro como referente social no ámbito da xenerosidade.

Ademais, a Axencia de doazón de Órganos e Sangue quere dar as grazas polo seu compromiso e colaboración á Dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non cabe doutra maneira, extensivo este agradecemento a todas as traballadoras e traballadores que doan sangue.

 
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde