A XUNTA ELEVA AS SÚAS AXUDAS PARA PROGRAMAS DE PREVENCIÓN DAS ADICCIÓNS UN 8%, ATA OS 4,5 MILLÓNS DE EUROS
02 08 2022

A Xunta de Galicia vén de elevar as súas axudas para programas de prevención das adiccións un 8%, ata os 4,5 millóns de euros, tal e como remarcou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto da súa visita ás instalacións da Asociación Rexurdir de Actividades Sociais, no concello pontevedrés de Marín. Na visita, o titular da carteira sanitaria, estivo acompañado pola alcaldesa do concello, María Ramallo, e pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Precisamente no día de hoxe, o Diario Oficial de Galicia, publica unha orde da Consellería de Sanidade, dotada con máis de dous millóns de euros, pola que se aproban as bases da concesión de subvencións para o cofinanciamento de proxectos de prevención de conductas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro, tendo as entidades interesadas un mes de prazo para presentar as solicitudes.

A Consellería de Sanidade introduciu unha serie de cambios nesta nova convocatoria de axudas para actualizala e mellorala respecto a anterior. Entre as máis significativas, para facilitar o traballo das entidades beneficiarias, realizarase un anticipo do 100% dos importes das anualidades correspondentes, que serán xustificadas ao rematar cada periodo. 

As actividades desenvolvidas no marco destas subvencións, permitirán potenciar os factores de protección e reducir o impacto de factores de risco asociados ao consumo de substancias psicoactivas. Tamén van promocionar estilos de vida saudables e de ocupación de tempo libre entre a mocidade galega;  ademais de fomentar a función de axentes de saúde das familias e doutros colectivos implicados na prevención,  como docentes e asociacións. Estas actividades buscan, así mesmo, reducir a incidencia de problemas sociosanitarios relacionados co uso e o abuso de substancias psicoactivas e con certas adicción comportamentais, entre outros obxectivos.

Sumados a estes dous millóns de euros, o Consello da Xunta tamén autorizou, o pasado mes, destinar outros 2,5 millóns á convocatoria 2022-2025 de subvencións para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da nosa comunidade autónoma co obxectivo de incrementar o número de entidades locais que poidan acadar unha subvención e incrementar así a cobertura dos programas de prevención das condutas adictivas en Galicia. 

Asociación Rexurdir

A Asociación Rexurdir de Actividades Sociais, que hoxe visitou o conselleiro, traballa desenvolvendo programas de prevención de conductas adictivas en seis concellos, Marín, Bueu, Cangas, Vilaboa, Redondela e Poio.

Entre os programas que integran o ​proxecto está o de Saúde na Escola, coa finalidade de promover a adopción de estilos de vida saudables entre a poboación escolar e evitar as condutas adictivas; Máis que un teito, dirixido a pais e nais ou titores con fillos en idade escolar para mellorar habilidades educativas e de comunicación e promover factores de protección familiar ante o consumo de drogas; En Familia todos contan, para pais, nais e titores de familias de adolescentes que presentan conductas de riscos tales como absentimo escolar; Entre todos, dirixido á atención de familias con fillos adolescentes que manteñen consumos de distintas drogas; e Prevención do uso problemático de novas tecnoloxías, cuxa poboación destinataria é o alumnado de primaria e secundaria para reflexionar sobre as vantaxes e riscos asociados ao uso das tecnoloxías da información e a comunicación.

A maiores do anteriormente sinalado, tamén teñen Servizo de asistencia psicolóxica para casos puntuais de persoas e familias que requiran asesoramento psicolóxico e un Programa de Intervención socioeducativa na aula, para alumnado de educación secundaria co obxectivo de previr problemas relacionados coas conductas adictivas como o fracaso escolar e as condutas sexuais de risco.

 
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde