A XUNTA INICIA O TRÁMITE DA LEI QUE ESTENDERÁ A PROVISIÓN POR CONCURSO DE MÉRITOS ÁS PRAZAS DE DIFÍCIL COBERTURA EN PRIMARIA, COMARCAIS E SAÚDE MENTAL
08 08 2022

​O Goberno galego inicia a tramitación da normativa que estenderá a provisión por concurso de méritos ás prazas de difícil cobertura en atención primaria, hospitais comarcais e saúde mental. Así, vén de publicar no seu Portal de Transparencia e Goberno Aberto o denominado Anteproxecto de Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde. 

A tramitación desta norma realizase con carácter de urxencia, habilitando un prazo de 7 días hábiles para a presentación de suxestións. A Xunta de Galicia quere apurar o trámite desta normativa para resolver canto antes as necesidades organizativas actuais e garantir a continuidade asistencial e a calidade dos servizos de asistencia sanitaria en Galicia.

A necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade motivou que a Xunta de Galicia impulsara esta medida lexislativa, coa que pretende paliar en parte o déficit de médicos e profesionais sanitarios, unha situación que afecta a todas as comunidades autónomas nestes intres  mentres continúa o incumprimento dos compromisos de reforma da lexislación estatal.

Con este obxecto, xa o artigo 35 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, habilitou á Xunta de Galicia a ofertar polo sistema de concurso no ano 2022 prazas da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria, algo que fixo coa convocatoria en abril deste ano dun proceso selectivo, polo sistema de concurso, para cubrir 106 prazas vacantes nos centros de saúde galegos. A boa acollida deste proceso, no que participan un total de 355 persoas aspirantes para un total de 106 prazas ofertadas, ten impulsado ao goberno galego a reiteralo e estendelo.

Deste xeito, para continuar abordando as dificultades excepcionais derivadas da situación de escaseza de profesionais e a difícil cobertura de certos postos, e atendendo á avaliación continua e garantía de capacidade e coñecementos que outorga o sistema de formación especializada en Ciencias da Saúde, esta lei, no caso de ser aprobada polo Parlamento de Galicia, habilitará ao Servizo Galego de Saúde para convocar procesos selectivos específicos polo sistema de concurso durante un prazo de tres anos dende a entrada en vigor da presente lei para impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura en tres colectivos concretos.

Por unha banda, a lei abrangue ao persoal facultativo especialista dos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.

En segundo lugar, ao persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria, creada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e ao persoal de pediatría de atención primaria.

Finalmente, inclúese ao persoal facultativo/a especialista de área en psiquiatría e psicoloxía clínica e enfermeiro/a especialista de saúde mental necesario para o desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, co obxecto de asegurar a cobertura dos novos programas previsto no dito Plan para a atención sanitaria aos trastornos mentais, con especial énfase nos destinados á atención á infancia e ás persoas maiores, o incremento na cobertura dos programas de intervención comunitaria dirixidos a persoas con trastorno mental grave, así como a atención á saúde mental dos profesionais sanitarios.

En definitiva, a convocatoria do ano que vén ampliarase máis aló da atención primaria -obxecto da convocatoria do pasado ano-  estendéndoa tamén ás especialidades máis difíciles de cubrir nos hospitais comarcais e á área de saúde mental. Deste xeito, garántase que especialistas coma traumatólogos, radiólogos ou internistas que queiran traballar nun hospital comarcal ou os especialistas en saúde mental que opten a cubrir as novas prazas creadas a través do Plan de Saúde Mental de Galicia poidan facelo de xeito áxil, substituíndo o sistema de oposición polo de concurso de méritos.

A normativa recolle tamén outros incentivos para o persoal que cubra as prazas de difícil cobertura na atención primaria e en determinados hospitais comarcais, como un acceso máis rápido ao máximo grao da carreira profesional sanitaria ou unha valoración extraordinaria do tempo de servizos prestados nestes postos á hora de computar méritos en procesos selectivos ou concursos de traslados, así como a priorización da súa participación en actividades formativas e proxectos de investigación.

Co obxecto de que o sistema garanta o obxectivo de cobertura asistencial destas prazas de difícil cobertura, a norma establece a obrigatoriedade da incorporación efectiva e permanente ao servizo activo do persoal que obteña praza a través destes concursos de méritos así como a necesidade de permanecer un mínimo de dous anos en situación de servizo activo no posto adxudicado antes de optar a un concurso de traslados ou a outro sistema de promoción interna.

Actuacións da Xunta ante a falta de reformas a nivel estatal

O inicio da tramitación desta lei cumpre o compromiso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que anunciaba o pasado 13 de xullo no Pleno do Parlamento que o Goberno galego volvería a realizar o ano que vén unha convocatoria de prazas en propiedade para médicos de Atención Primaria que queiran ir aos centros “onde son máis necesarios” pola “difícil cobertura” destes postos, e que estendería esta iniciativa ás prazas de especialistas nos hospitais comarcais e ás de saúde mental, destacando o incentivo que supoñen tanto a estabilidade laboral ofrecida como a axilidade do sistema de acceso.

Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde a tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón, mesmo tras solicitar expresamente a Xunta de Galicia que se incluíse na reforma do Estatuto Marco que o Goberno de España vén de remitir ás Cortes Xerais.

Do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame.

Nese contexto, e á espera do cumprimento dos compromisos de reforma da normativa básica estatal, a Xunta de Galicia opta por tomar medidas contempladas como extraordinarias dentro do actual marco lexislativo, para o que require dunha habilitación legal específica.


Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde