MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS PARA DAR NOVA LUZ AOS QUIRÓFANOS DOS TRES HOSPITAIS PÚBLICOS DE OURENSE
31 08 2022

Coa instalación hoxe dos primeiros equipos no Hospital Universitario de Ourense, comeza o proceso de renovación da iluminación dos 26 quirófanos dos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, grazas a unha iniciativa para a adquisición de novas lámpadas cirúrxicas, na que a Xunta de Galicia inviste en nesta provincia a maior partida por Áreas Sanitarias: 589.875 euros, o 42% dun orzamento total que ascende a 1.4 millons.

O contrato, que se formalizou o pasado mes de xullo, permitirá renovar 97 quirófanos de toda Galicia, nos 20 quirófanos do Hospital Universitario de Ourense (cun importe de importe 471.900 €); 2 no Hospital Público de Verín (23.596 €); e 4 no de Valdeorras (94.380 €).

A empresa adxudicataria, Dräger Medical Hispania S.A.,  dispón dun período de dous meses d​e prazo para completar a instalación dos dispositivos, que se distribuirán maioritariamente no mes de setembro, tras a colocación estes días dos cinco primeiros no Hospital Universitario de Ourense.

Con este equipamento os quirófanos públicos adáptanse a tecnoloxía led de última xeración de 160.000 lux, que incorporan un sistema de control de sombra. Deseñados para dar a máxima luz posible, esta é regulable en intensidade e cor en ata doce pasos, ou continua. Contan con dous brazos, para lámpada principal e a satélite, ampliables sen obras de adaptación, sincronizadas e cun control táctil, directamente no mango da lámpada, ou na parede; igualmente dispoñen de 6 eixes de angulación, e permiten un amplo radio de luz e ata 360 graos de rotación.

Ademais,  dez dos equipos que se instalarán na nosa área sanitaria integran unha cámara de vídeo, de alta definición wifi, para a retransmisión da imaxe, sen necesidade de cableado ata un aula docente ou sala onde se quera replicar, así como monitores de 31 pulgadas de grao médico.

De cara a súa usabilidade, aporta grandes melloras para aos profesionais, xa que facilita o seu  manexo e mellora a confortabilidade do persoal cirúrxico, xa que unha das vantaxes e que non emiten calor -cero graos de incremento da temperatura-  tanto no campo cirúrxico, como a centímetros dos cirurxáns.

Cunha vida útil de máis de 60.000 horas e opción de substitución parcial dos diodos, as novas fontes de luz son de baixo consumo, e posibilitan un aproveitamento máis eficiente da enerxía, na liña da  estratexia do Servizo Galego de Saúde de favorecer un uso máis racional do consumo eléctrico e contribuír á sustentabilidade do sistema sanitario.

O subministro destes equipamentos é susceptible​ de financiamento mediante o programa operativo FEDER-Galicia como parte da resposta da UE á pandemia provocada pola covid-19.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde