​O 22º SIMPOSIO INTERNACIONAL SOBRE TRATAMENTOS ENDOVASCULARES CONVERTE A COMPOSTELA NA CAPITAL DO COÑECEMENTO DESTA ESPECIALIDADE
05 09 2022
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela o 22º Symposium Internacional sobre Tratamentos Endovasculares, que se desenvolverá entre as xornadas de hoxe e mañá na capital da comunidade galega.

O evento, organizado pola Endovascular Foundation, contará coas achegas de especialistas que abordarán os últimos avances que se levan producido nas diferentes terapias endovasculares. Así, en cadansúa xornada, as exposicións estarán centradas nos tratamentos periféricos e aórticos. Ademais, o simposio tamén contará cunha sesión específica dedicada á Enfermería vascular.

Durante a súa intervención, o responsable da carteira sanitaria da Xunta cualificou a celebración destes encontros como “fundamentais” ao “permitir intercambiar información e coñecemento que reverte en beneficio de toda poboación". Así, estivo acompañado polo decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Julián Álvarez Escudero; o presidente do Symposium, o doutor Vicente Riambau; a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez Masid; e o vicedecano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, José Carreira Villamor.

No que atinxe a cirurxía vascular, o Servizo Galego de Saúde conta na actualidade con conta seis servizos de anxiología e cirurxía vascular. En canto ás cifras, os últimos datos indican que no ano 2021 realizáronse máis de 45.000 consultas desta especialidade nos complexos hospitalarios galegos. Ademais, tamén se levaron a cabo preto de 5.000 intervencións no ámbito da anxiología e cirurxía vascular.

A cirúrxica de anxiología e cirurxía vascular é unha das especialidade nas que Galicia posúe os mellores tempos de espera de todo o Sistema Nacional de Saúde. Así, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, ao peche de 2021, os hospitais galegos alcanzaron unha media de 52 días de espera para estas intervencións, cando a media española se sitúa nos 125 días.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde