​SOFÍA LÓPEZ LINARES, TOMA POSESIÓN COMO NOVA DIRECTORA XERAL DE PLANIFICACIÓN E REFORMA SANITARIA
12 09 2022
 


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; nomeou esta mañá a Sofía López Linares, como nova directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, relevando no cargo a Estrella López-Pardo. 

A nova directora xeral é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Oviedo, sendo especialista no ámbito da Medicina Familiar e comunitaria. Ademais, tamén completou, entre outros, o Curso Superior de Xestión en Atención Primaria; o curso da Avaliación da Calidade asistencial en Atención Primaria; e diferentes xornadas vencelladas aos novos retos da xestión sanitaria. Na actualidade, ocupaba o cargo de  Xefa de Servizo no centro de saúde Illas Canarias de Lugo, labor que viña desempeñando desde o ano 2015.

No acto de nomeamento, o titular da carteira sanitaria da Xunta gabou os máis de 30 anos de traxectoria profesional cos que conta López Linares. Así, salientou a idoneidade do seu perfil no novo cargo, ante o amplo coñecemento que posúe da atención primaria; tanto a nivel asistencial, tras exercer como facultativo; como a nivel de xestión, ao encargarse en diferentes centros de saúde da coordinación do conxunto de categorías profesionais que traballan na atención primaria.

Nesta liña, García Comesaña solicitoulle á nova directora xeral que continúe a traballar nun modelo sanitario que xa coñece, e no que ”o sistema sanitario se adapte ao paciente desde a base, desde ese eixo vertebrador que ten que ser a atención primaria”.

Durante os últimos anos, López Linares formou parte dos grupos de traballo que deseñaron as liñas estratéxicas da nova Dirección Xeral que dirixirá na Consellería de Sanidade. En concreto, na redacción do documento "Por unha atención primaria vertebradora", na elaboración das Axendas de Calidade; na elaboración e seguimento do Plan de Atención Integral da Demanda (XIDE), ou na configuración dos protocolos GED (Gestión da Demanda de Enfermería).  

A nova directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria agradeceulle ao Conselleiro a confianza depositada na súa persoa para levar a cabo “un reto ilusionante e de grande responsabilidade” como é o de continuar co proceso transformador do sistema sanitario iniciado pola Consellería de Sanidade. Así, comprometeuse en poñer todo seu “empeño, tempo e experiencia” para levar a cabo con éxito as reformas xa iniciadas.

Ademais de exercer a Medicina desde o ano 1991 na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; López Linares tamén ocupou o cargo en funcións de coordinadora da Unidade de Docencia da xerencia desta área; ou o de xefa de unidade de Atención Primaria no centro de saúde de Quiroga. 

A nova directora xeral tamén exerceu até o de agora como titora da Unidade Docente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. Por último, e xunto ao anterior, foi colaboradora do Departamento da Área de Coñecemento en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2016 e 2022; e impartiu diferentes ciclos formativos vencellados a actividade asistencial e a xestión da Atención Primaria.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde