Xunta de Galicia renovará os sistemas de anestesia dos bloques cirúrxicos dos hospitais das sete áreas sanitarias de Galicia. Así o acordou hoxe o Goberno galego durante a reunión do Consello, que autorizou o proxecto de acordo para a contratación da subministración de sistemas de anestesia para os hospitais do Servizo Galego de Saúde.
Así, a Administración galega, no marco do eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, investirá un total de 5.336.100 euros na compra de 98 unidades de sistemas de anestesia, que se distribuirán entre os complexos hospitalarios das 7 áreas sanitarias de Galicia.
Os novos equipos incorporarán, entre outras tecnoloxías, o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde pois permiten unha mellora na temperatura corporal.
Este contrato permitirá renovar o equipamento existente e incorporar a tecnoloxía necesaria que non só mellore a calidade de vida do paciente e a seguridade dos procedementos cirúrxicos, senón que contribúa á redución de emisións de grande impacto ambiental.
Renovación do equipamento sanitario
Con esta contratación, a Xunta, continúa coa renovación de sistemas de anestesia iniciada en 2016 nos hospitais galegos, unha renovación que tivo continuación en 2018 e 2019, e que segue no ano 2022.
Esta nova licitación forma parte tamén do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos orzamentos do vixente ano 2022.