A XUNTA INVISTE MÁIS DE 1 MILLÓN DE EUROS PARA INCORPORAR 13 NOVOS ECÓGRAFOS NO CHUVI
23 09 2022

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo vén de incorporar 13 novos equipos de ecografía dentro do proceso de renovación levado a cabo pola Xunta de Galicia no último ano, e que na Área Sanitaria de Vigo supuxo un investimento de 1.134.456 euros. 

Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento. 

A ecografía é unha proba diagnóstica por imaxe que utiliza ondas sonoras (ultrasóns) para crear imaxes de órganos, tecidos e estruturas do interior do corpo. Entre todos os servizos asistenciais do Chuvi, realízanse un total de 115.000 ecografías anuais.

Os novos equipos xa están instalados e operativos en diferentes servizos e centros do complexo vigués. En concreto, incorporouse un ecógrafo portátil ao servizo de Urxencias, adquirido por 29.600 euros; 2 a Xinecoloxía e Obstetricia (un deles á Unidade de Reprodución Asistida) por 87.120 euros; e 10 ás áreas de Radiodiagnóstico dos tres hospitais (3 ao Meixoeiro, 2 ao Nicolás Peña e 5 ao Álvaro Cunqueiro) por 1 millón de euros.

Estes contratos forman parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano 2022.

13 millóns para a mellora do diagnóstico por imaxe na área de Vigo

Por outra banda, a Xunta está a tramitar este ano contratos por valor de máis de 60 millóns de euros destinados a canalizar os fondos Next Generation da Unión Europea para a renovación e ampliación de equipamento sanitario de diagnóstico por imaxe, radioterapia e medicina nuclear en todas as áreas sanitarias. 

No caso do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, esta medida supón a renovación de cinco TACs, tres gammacámaras, dúas salas de hemodinámica, dúas resonancias magnéticas, un equipo de anxiografía vascular e un PET. Estas renovacións  acadan un investimento total de máis de 13 millóns de euros.

Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde